Ir o contido principal

iHUS e Idega, dúas estruturas con gran potencial para captar e afianzar talento investigador

Asistentes á xornada que se desenvolveu no CEA. Foto: Santi Alvite
Asistentes á xornada que se desenvolveu no CEA. Foto: Santi Alvite
Xunto con GAIN, organizaron este martes no CEA unha xornada para explicar as axudas do European Research Council
Lugo, Santiago de Compostela

Os Institutos de Humanidades (iHUS) e de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC, xunto coa Axencia galega de innovación (GAIN), reuníronse este martes no CEA para tratar as novidades nas distintas modalidades de axudas do European Research Council (ERC), tal e como Starting, Consolidator, Advanced, Synergy & Proof-of-concept.

O Idega e o iHUS forman parte da rede dos dez institutos universitarios da USC que nacen co propósito de dar apoio á actividade investigadora e institucional na procura dunha maior converxencia tanto no eido das ciencias sociais coma no marco das humanidades (Social and Human Sciences, SHS).

Ambos os dous institutos agroman preto dunha ducia de unidades competitivas no SUG, cunha masa crítica superior aos douscentos investigadores e investigadoras, dos cales máis do 48 % conforman un talento novel con potencial de crecemento e consolidación a futuro. Asemade, as dúas estruturas están dotadas de comisións específicas na procura de afianzar o talento investigador a través dos programas de excelencia e capacitación investigadora da Unión Europea no pilar I do Horizonte Europa, que está dotado de 25.011 millóns de euros plurianuais (2021-2027), redistribuídos en 16.004 millóns para o ERC, 6.602 millóns de euros para as accións Marie Skłodowska-Curie (MSCA) e 2.406 millóns de euros no caso das subvencións directas para infraestruturas de investigación.

Tal e como explicaron na xornada, estas modalidades de financiamento competitivo para a captación e a retención do futuro persoal investigador principal e responsables de proxecto da USC alíñanse, tamén, coas estratexias de especialización e política científica da institución compostelá. Tanto é así que o persoal investigador titular das axudas posdoc e doctoral networks Marie Curie teñen maior factor de éxito ca os seus homólogos na obtención de subvencións directas procedentes do Consello Europeo de Investigación, segundo publicacións recentes da Comisión Europea.

O dito trasládase principalmente ao recoñecido internacionalmente Starting Grant: os investigadores e investigadoras Marie Curie teñen un 13% máis de probabilidades de obteren esta subvención de primeiro nivel no transcurso da súa carreira que aqueles que non gozaron deste tipo de axudas. Por outra banda, as Marie Curie e ERC Grants achegan un auténtico pulo á carreira investigadora das futuras persoas responsables de proxectos, ao constituíren un financiamento único e singular para a creación de equipos e redes, a adquisición de bens de equipo e de infraestruturas, abordando as cuestións máis vangardistas nas lindes do coñecemento e cumprindo coa excelencia no marco da cadea de valor da investigación fundamental e non orientada.

Precisamente, polo gran potencial que ten o seu persoal investigador, estes dous centros aliñáronse coa GAIN para presentar na xornada todas as posibilidades que ofrecen estas axudas. Participaron nela a directora e director do iHUS, Laura Lojo e Rubén Lois, respectivamente; a técnica da Unidade de Proxectos Europeos da USC María Dolores Sánchez; e a directora da Área de Talento e Transferencia da GAIN, María José Mariño Fontenla.

De esquerda a dereita, Laura Lojo, María José Mariño e María Dolores Sánchez. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Laura Lojo, María José Mariño e María Dolores Sánchez. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2025.