Ir o contido principal

A II Carreira Popular Campus Terra Leyma cita este domingo uns 500 participantes de todas as idades arredor do campus de Lugo

Cartaz da proba
Cartaz da proba
O trazado da proba absoluta é de 7.400 metros e vai por un treito do paseo do Miño e o campus de Lugo. A saída da carreira é ás 12.00 horas, logo das probas escolares

A II Carreira Popular Campus Terra Leyma, unha cita atlética organizada polo Servizo de Deportes da USC, congregará este domingo 2 de decembro preto de 500 participantes de todas as idades nun trazado semiurbano arredor da contorna do campus de Lugo e que inclúe un treito do paseo do Miño. A saída da proba absoluta está prevista para as 12.00 horas no estadio de Atletismo Gregorio Pérez Rivera, en cuxas instalacións tamén se desenvolverán media hora antes as competicións escolares.

A proba de carácter internacional e aberta á participación de deportistas federados, non federados, ademais de a categorías escolares, presenta un itinerario de 7.400 metros de distancia e dificultade media para as persoas que tomen parte na competición sénior. As distintas das categorías escolares son máis curtas e a competición desenvolverase nas instalacións do estadio de atletismo Gregorio Pérez Rivera.

O circuíto da II Carreira Popular Campus Terra Leyma, cuxas probas de categorías inferiores partirán ás 11.30 horas do estadio de Atletismo Gregorio Pérez Rivera de Lugo, onde tamén estará fixada a meta, será sobre asfalto e terra e estará pechado ao acceso de vehículos, agás os autorizados pola organización. A competición desta carreira, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, está estruturada en oito categorías: Pitufos (nados en 2013 e adiante), promoción (2010-2012), escolares 1 (2006-2009), escolares 2 (2002-2005), sénior (2001 até os 34 anos), máster A (de 35 a 44 anos), máster B (de 45 a 54 anos ) e máster C (de 55 anos en adiante).

As persoas que formalizaron a súa inscrición para tomar parte nesta proba poderán recoller xa este sábado, en quenda de tarde, os dorsais no edificio da Biblioteca Intercentros do campus de Lugo. Os participantes procedentes de fóra do concello de Lugo poderán retirar os dorsais ata media hora antes do comezo da proba na zona habilitada pola organización nas instalación do Estadio Gregorio Pérez Rivera.

Os competidores inscritos nesta proba atlética de carácter popular recibirán como agasallo unha camiseta técnica. A organización establece premios para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da carreira absoluta. Haberá tamén trofeos para os tres primeiros corredores por categoría e sexo. Á marxe desta clasificación xenérica, a II Carreira Popular Campus Terra da USC constitúe tamén a quinta proba do campionato universitario galaico duriense, no que participan equipos das tres universidades galegas, así como das institucións académicas lusas de Porto, Tras Os Montes e Alto Douro e Universidade de Miño.

Dimensión solidaria

A II Carreira Popular Campus Terra da USC é unha cita deportiva de marcado selo universitario, pero tamén presenta unha clara orientación solidaria, como o proba o feito de que Federación Galega contra o Narcotráfico percibirá como doazón un euro de cada inscrición, ao tempo que se trata dunha iniciativa encamiñada a fomentar os hábitos saudables entre a comunidade universitaria, en particular, e no conxunto da sociedade en xeral.

A II Carreira Popular Campus Terra Leyma, en cuxa organización colaboran coa USC Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo e Xunta de Galicia, así como varias empresas patrocinadoras, entre as que se atopan o Grupo Leche Río, Coca Cola Parner España, Torvar e o Grupo El Progreso, supón unha boa oportunidade para descubrir e dar a coñecer tanto o campus como a cidade de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2018.