O II Certame de Videocreación do Campus de Lugo lembra a memoria e o legado de Araceli Herrero Figueroa

A USC reforza a súa aposta pola visibilidade das novas linguaxes coa convocatoria da segunda edición do certame de videocreación, no que tamén se lembra a memoria da profesora e escritora luguesa Araceli Herrero Figueroa. Esta iniciativa, promovida desde a Área de Cultura da USC no Campus de Lugo ao abeiro do convenio Lugo Cultural, pretende por en valor e canalizar as inquedanzas creativas da mocidade e as novas formas de manifestación e expresión nas que a literatura conflúe co audiovisual.
Alén da aposta por valorizar as novas linguaxes e formas de manifestación cultural, o II Certame de Videocreación do Campus de Lugo suma a figura de Araceli Herrero Figueroa á de Isidro Novo, persoeiros que dan nome a dous dos tres premios contemplados nas bases dun certame artístico que repartirá un total de 1.200 euros entre as tres propostas máis valoradas pola súa linguaxe visual, pola súa linguaxe literaria e pola comunicación e integración de diversas linguaxes.
O prazo de presentación de propostas audiovisuais ao II Certame de Videocreación do Campus de Lugo permanecerá aberto ata as 15.00 horas do 7 de decembro a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). As persoas participantes deberán presentar a concurso pezas inéditas e orixinais, xa de autoría individual xa de obras colectivas, acompañadas do pertinente formulario de inscrición cumprimentado cos datos persoais.
Cada unha das obras presentadas deberá levar a cortina de inicio dispoñible na páxina www.lugocultural.gal, onde tamén se poden atopar as bases do certame. A duración de cada peza será dun máximo de 5 minutos, incluíndo cortina inicial e créditos. No caso de que a peza conteña linguaxe literaria oral ou escrita, valorarase preferiblemente a utilización do idioma galego. Asemade, de incluír composicións musicais, a persoa ou colectivo participante deberá acreditar a autoría ou a propiedade dos dereitos dela.