O II Congreso Interuniversitario de Mantemento Sostible e Eficiencia Enerxética buscará alternativas para unha explotación enerxética eficiente nas universidades
A USC reunirá entre este mércores 1 e o venres 3 de febreiro a representantes de universidades de Galicia, Castela León, Asturias, Cantabria, Navarra, Euskadi, Aragón e a Comunidade de Madrid, así como das tres universidades do norte de Portugal, no II Congreso Interuniversitario de Mantemento Sostible e Eficiencia Enerxética. Será unha xuntanza de traballo de xestores enerxéticos e directores de mantemento das diferentes universidades que debaterán sobre a xestión eficiente dos recursos enerxéticos no ámbito das universidades.
Organizado pola Unidade de Enerxía e Sustentabilidade da USC en colaboración co Servizo de Arquitectura, Urbanismo e Equipamentos da Universidade da Coruña, o encontro reúne a expertos universitarios e representantes das empresas do sector para dar conta de actuacións singulares e abordar cuestións específicas como a adquisición de subministro enerxéticos ou novos produtos que buscan a redución do consumo de enerxía na explotación deste consumo.
Como se porá de manifesto, nos edificios universitarios unha explotación enerxética eficiente concéntrase na busca da excelencia na xestión das instalacións enerxéticas (electricidade, calefacción, aire acondicionado, enerxías renovables, gases combustibles,...), na propia explotación ou na optimización á hora da compra de enerxía nos mercados ordinarios.
O encontro continúa a quenda iniciada en Oviedo en decembro de 2008, contando neste edición coa colaboración do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e o decanato da Facultade de Física da USC. Será na Aula Magna deste centro onde se celebrará a inauguración oficial, prevista para as 16.30 horas e presidida pola xerenta da USC, Lourdes Batán, á quen acompañarán o decano Luis Miguel Varela Cabo e subdirector do INEGA, Emérito Freire, así como o coordinador do encontro Fernando Blanco.
A quenda de intervencións dará comezo deseguido cun relatorio sobre a situación enerxética no século XXI a cargo de Emérito Freire e continuando co profesor Varela Cabo que se referirá á implantación do EEES e as novas necesidades nos edificios. Esta primeira xornada completarase avaliando as actuacións para a mellora da eficiencia enerxética na Universidade da Coruña e a substitución de seis caldeiras nunha central térmica de produción de ACS.