Ir o contido principal

O II Congreso Multidisciplinar en Nutrición reúne un centenar de participantes este venres na Facultade de Ciencias

Cartaz co programa do congreso
Cartaz co programa do congreso
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidirá a apertura deste foro, ás 9.45 horas, no salón de actos do centro universitario lugués
Lugo

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC acolle este venres 22 de novembro, a partir das 9.45 horas, a celebración do II Congreso Multidisciplinar en Nutrición, un foro de análise e debate orientado á participación da comunidade universitaria, pero aberto a todo o público interesado e preocupado por seguir unha alimentación saudable para o que formalizaron a súa participación preto dun centenar de asistentes.

O programa do congreso, promovido polo alumnado do grao en Nutrición Humana e Dietética a través da asociación Adinu Galicia, en colaboración coa Facultade de Ciencias da USC e o Colexio de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Codinugal), desenvolverase en quenda de mañá e tarde no centro universitario lugués.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga; o coordinador do grao en Nutrición Humana e Dietética, Jesús Casabiell; a presidenta de Adinu Galicia, Sheila Castiñeira, e o tamén profesor na Facultade de Ciencias e coordinador da Asociación de Antiguos Alumnos e Amigos da USC, Carlos Herrero, participarán na sesión de apertura deste congreso, un breve acto tralo que a dietista-nutricionista Laura Regueiro abrirá a quenda de relatorios cunha intervención baixo o título ‘Vexetariana, e agora que?’.

Un enfoque multidisciplinar sobre o ril e a nutrición, a cargo do neurólogo Secundino Cigarráns, e unha sesión sobre a intervención nutricional familiar, a cargo da dietista nutricionista Emma Enríquez, pecharán a programación matinal. Unha charla sobre suplementación deportiva, a cargo de Alejandra Piñeiro, abrirá a sesión de tarde deste congreso multidisciplinar en nutrición, un foro no que as psicólogas de Adamia Rosalía Campos e Lucía Trigo falarán sobre obesidade e adherencia á dieta.

A presentación dos mellores Traballos Fin de Grao, cuxa autoría corresponde a Sara López e Uxía Lavandeira, seguida dunha exposición a cargo da Secretaría do Colexio de Dietistas e Nutricionistas de Galicia e un coloquio sobre o futuro do dietista-nutricionista en Galicia, servirán de colofón deste congreso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.