O II Premio á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da USC xa ten gañadores
A introdución da perspectiva de xénero no ensino da econometría na USC e a presenza da prostitución nos medios de comunicación galegos son os dous traballos que se alzaron co primeiro posto, nas súas respectivas modalidades, do II Premio á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da USC.
No primeiro caso, correspondente á modalidade de Docencia, asinan o traballo premiado con 1.500 euros Eva Aguayo, Ana Iglesias e Carmen López, profesoras do Departamento de Economía Cuantitativa. Nesta modalidade, lograron o segundo premio, dotado con 1.000 euros, Pilar Arias e Montserrat Nogueira polo traballo ‘Mulleres Nobel en Fisioloxía e Medicina. Unha visión non sexista da ciencia’. O terceiro premio, cunha achega de 500 euros, foi para Ignacio J. Díaz-Maroto pola proposta ‘Igualdade de Oportunidades de participación nos diferentes chanzos da carreira científica’ . Na modalidade de Investigación, o equipo responsable do proxecto ‘A prostitución nos medios de comunicación galegos’, galardoado co primeiro premio e 1.500 euros, intégrano o profesores Luís Álvarez Pousa e Ana Belén Puña, Olga Castro e Iván Cuevas. O segundo premio, dotado con 1.000 euros, foi para ‘Socialización en función do xénero, medio de comunicación e violencia contra as mulleres. Unha análise sociolóxica’, do que son responsables Rita Radl, Ana Mª Porto, Mª José Agra, Mª García Añón, Jorge García, Marta Poncet, Mª Begoña Gómez e Carolina García. Finalmente, o terceiro posto recaeu na proposta ‘Desenvolvemento dunha cultura amigable coa familia’, da que son autoras Adolfo Carballo, Mª Dolores Álvarez e María Bastida.
O xurado encargado avaliar os proxectos presentados á convocatoria presidiuno a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, e integrábano ademais a director do CEA, Mª José Rodríguez Galdo; o director do ICE, José Cajide; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, José Pereira; a catedrática Mª Patrocinio; a profesora Montserrat Villarino; e coordinadora da Oficina de Igualdade da USC, Trinidad de Miguel, esta última en calidade de secretaria.