Ir o contido principal

As II Xornadas de Doma Natural reúnen en Lugo a varios dos principais expertos internacionais nesta disciplina

O encontro desenvólvese do 2 ao 4 de novembro na Facultade de Veterinaria

O Auditorio da Facultade de Veterinaria é a sede das II Xornadas de Doma Natural, organizadas por este centro do Campus de Lugo (coa profesora Blanca Lidia Villanueva como responsable académica), en colaboración co Hospital Clínico Rof Codina e a Asociación Nacional de Doma Natural. O encontro terá lugar entre os días 2 e 4 de novembro, e está dirixido a estudantes e profesionais do ámbito veterinario, ferradores, profesionais do cabalo e afeccionados. O programa de relatorios ábrese o venres 2 coa charla 'Que é a doma', a cargo de Lucy Rees, zoóloga especializada en neurofisioloxía, neuroanatomía e etioloxía, e autora do libro La lógica del caballo. A continuación intervirá o titulado en ciencias aplicadas en comportamento animal Víctor Ros co relatorio 'Comunicación de Equus caballus'. Na sesión de tarde Coby Bolger, autora do libro Guía básica de la nutrición equina, achegará unha conferencia centrada na alimentación dos cabalos, antes do relatorio que pecha esta primeira xornada: 'Barehoof ou ferradura: que é o mellor para o meu cabalo', por parte do Director da Escola de Ferradores e Centro de Formación Ecuestre Sierra Norte, Constantino Sánchez. O sábado 3 Lucy Rees volverá intervir para falar sobre as percepcións do cabalo en relación ao seu manexo. Deseguido, Gerd Heuschmann, técnico equino especializado en equitación de alto rendemento e autor do libro el dedo en la llaga, realizará unha serie de achegas sobre biomecánica equina. Pola tarde Felipe Lleras, adestrador e recuperador de cabalos para psicoterapia, intervirá co relatorio 'Etioloxía equina aplicada á terapia e actividades asistidas con cabalos'. A charla 'coaching asistido con cabalo', a cargo de Talía Soldevila (autora do libro el maestro equino), poñerá fin a esta segunda xornada do encontro. O domingo 4 a actividade comeza cun novo relatorio de Lucy Rees, neste caso centrado na aprendizaxe en doma. Delia Daniel, preparadora de cabalos de alto rendemento e profesora de equitación, intervirá a continuación para explicar como beneficiarse do contorno natural para perfeccionar os exercicios de doma. As xornadas rematan con senllas charlas sobre doma vaqueira (a cargo do xinete e domador Marco Barba) e traballo en picadeiro redondo (impartida por Vanesa Ugarte, técnica en condución de actividades fisiodeportivas no medio natural).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2012.