Ir o contido principal

O III Congreso de Etoloxía Clínica cita esta fin de semana máis de 100 participantes na Facultade de Veterinaria do Campus Terra

Cartaz do III Congreso de Etoloxía Clínica
Cartaz do III Congreso de Etoloxía Clínica
O vicerreitor da USC Andrés Barreiro inaugurará este sábado a terceira edición dun foro promovido pola Asociación Universitaria de Etoloxía Clínica Veterinaria Gueca Lugo

A terceira edición do Congreso de Etoloxía Clínica congregará esta fin de semana no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC máis cun centenar de participantes, entre alumnado, profesionais veterinarios e adestradores de animais, que aproveitarán as distintas sesións programadas durante a xornada do sábado e a mañá do domingo para abordar diferentes cuestións relacionadas co comportamento dos animais, así como a súa posible incidencia na mellora do grao de eficiencia da prestación de servicios e asistencia veterinaria.

O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo e tamén profesor da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo, Andrés Barreiro Lois, abrirá este sábado, a partir das 9.00 horas, o foro monográfico promovido pola Asociación Universitaria de Etoloxía Clínica Veterinaria Gueca Lugo, no marco dunha sesión na que tamén intervirán Ángela González Martínez, doutora en Veterinaria e Diplomada Europea en Medicamento do Comportamento; Luís Felipe da Cruz Palomino, director xerente da Fundación Rof Codina, e Manuel Ramón Díaz Horcajada, presidente de Gueca.

A veterinaria Cristina Ortega abrirá a quenda de intervencións deste congreso cunha exposición sobre casos de etoloxía clínica felina. De seguido, o tamén veterinario e estudoso do comportamento dos animais disertará sobre estratexias de enriquecemento ambiental en mascotas exóticas.

O programa vespertino deste congreso sobre etoloxía clínica, en cuxa organización tamén colaboran coa asociación estudantil Gueca Lugo, a Fundación Rof Codina e a USC, así como empresas, tales como Royal Canin, Ceva, Galeno e KNS edicións, comezará cunha exposición da investigadora veterinaria Ana Bugueiro, quen tratará a lóxica do benestar animal, así como a incidencia deste parámetro na mellora da súa produción. A última das sesións programadas o sábado abordará o comportamento dos équidos e estará guiada por Tomás Camps, que tratará cuestións relativas ao comportamento dos cabalos, tanto as ligadas a necesidades de conduta, como a problemas de comportamento e benestar.

A xornada do domingo botará a andar, ás 9.30 horas no mesmo escenario, cun relato a cargo da profesora da Facultade de Veterinaria da USC Maruska Suárez Rey, quen afondará sobre as condicións médicas a ter en consideración ma medicina do comportamento. A presentación de comunicacións científicas por parte dos participantes servirá de colofón do congreso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2018.