Ir o contido principal

O III Congreso Internacional de Historia e Cine reunirá na USC a expertos internacionais nos modelos de interpretación para o cine histórico

Luis Hueso
Luis Hueso
O director francés Bertrand Tavernier pronunciará a conferencia de clausura

Expertos europeos daranse cita a comezos de novembro, entre os días 3 e 5, no III Congreso Internacional de Historia e Cine para reflexionar sobre os modelos de interpretación para o cine histórico. O programa do encontro, no que pronunciará a conferencia de clausura o director Bertrand Tavernier, presentouno en rolda de prensa este venres o catedrático de Historia do Cine da USC, Luis Hueso. Esta é unha acción formativa que coordina o propio profesor Hueso e na que tamén participan na organización docentes das universidades de Barcelona, Carlos III de Madrid e Santiago, así como do proxecto de investigación ‘Modelos de Interpretación en el cine histórico español’. O congreso comezará o xoves 3 coa conferencia de Robert Rosenstone, profesor de Historia na División de Humanidades e Ciencias Sociais do Instituto Tecnolóxico de California (Caltech), especializado en Historia Moderna e en Historia do Cine. Dende hai anos desenvolve dúas grandes liñas de investigación; a primeira sobre o dilema da construción da historia nunha cultura na que os medios visuais e electrónicos non son meros complementos senón que mesmo substitúen á palabra escrita como medio de comunicación. A segunda céntrase na creación de camiños alternativos de representación da historia. Seguiralle o catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Salamanca José A. Pérez Bowie cun relatorio sobre as lecturas cinematográficas do século XIX español. Na actualidade traballa especificamente no ámbito das relacións entre a literatura e os medios audiovisuais e dirixe dende hai dez anos un grupo de estudos sobre literatura e cine (GELYC). Esta primeira sesión completarase coa presentación do proxecto de investigación ‘Modelos de Interpretación do cine histórico español’, a cargo de Luis Hueso, do catedrático da Universidade de Barcelona José Mª Caparrós e da profesora da Universidade Carlos III Gloria Camarero. O programa do venres 4 comezará coa presenza do catedrático de Historia da Comunicación Social na Universidade Complutense de Madrid, Julio Montero para falar sobre a investigación histórica e documental. Membro da International Association for Media and History dende 2004, é organizador das Xornadas Internacionais de Historia e Cine da Universidade Complutense dende 1995, creador dos posgraos de Realización de Guións de Audiovisuais Históricos e Realización de Documentais Históricos, e coordinador dos programas de doutoramento do Departamento de Historia da Comunicación Social desa Universidade, ‘Comunicación de Masas: Información, Entretemento e Propaganda’ e ‘Comunicación de Masas: Información e Propaganda’. Seguiralle Matteo Sanfilippo, profesor asociado de Historia Moderna e director do Departamento de Ciencias Humanas da Universidade da Tuscia (Italia). É autor dunha vintena de monografía sobre teoría e historia da comunicación en Canadá e Estados Unidos, a relacións entre historia e cine ou sobre o estudo da emigración italiana, así como numerosos ensaios científicos e artigos divulgativos e colaboracións en varias publicacións electrónicas. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade do País Vasco, Santiago de Pablo completará esta sesión matinal cunha reflexión sobre ‘Cine histórico e nacionalismo vasco: un modelo de interpretación’. É membro da Asociación Internacional Film-Historia, da Asociación de Historia Contemporánea, da Asociación Española de Historiadores do Cine, da Fundación Filmoteca Vasca-Euskadiko Filmategia ou da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España. Participou na rede internacional de coñecemento Raíces (Historia e problemas do século XX) con profesores de Arxentina, Francia, Israel, Estados Unidos, Suíza e España dende 2008. Este segundo día do encontro completarase cunha proxección e posterior debate sobre Buscando el paraíso (Manuel Gómez, 2011). Na terceira e derradeira xornada do congreso, será a quenda para a presentación de comunicacións. A conferencia de clausura corresponderalle a Bertrand Tavernier, director e guionista francés que aborda diferente xéneros a partir de tramas de gran contido ideolóxico. Debuta como director coa adaptación da novela de Georges Simenon O reloxeiro de St. Paul, ao que lle seguirán outros títulos como o drama histórico Que a festa comece, o drama psicolóxico O xuíz e o asasino, ou A morte en directo. En anos posteriores profunda nos dramas individuais, familiares e sociais con títulos como Arredor da media noite ou Un domingo no campo. Durante a década dos 90 realizou varios documentais, destacando un dos seus traballo máis aclamados polo público A carnaza (1995) unha polémica visión da mocidade francesa. Os seus máis recentes traballos son A pequena Lola (2004), No centro da tormenta (2009) e A princesa de Montpensier (2010).

Os seus traballo téñenlle valido numerosos recoñecementos como o Oso de Prata de Berlín, diversos premios ao Mellor Director e Guión Orixinal da Academia Francesa de Cine ou do Círculo de Críticos de Nova York, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2011.