Ir o contido principal

O III Congreso Internacional de Lingüística Histórica sitúa a USC “no liderado académico no ámbito da lusofonía”, di Viaño

De esquerda a dereita, González, López, Viaño, Teixeira e Álvarez, na apertura do congreso na Facultade de Filoloxía
De esquerda a dereita, González, López, Viaño, Teixeira e Álvarez, na apertura do congreso na Facultade de Filoloxía
O foro, que cita en Santiago máis de 400 investigadores de Galicia, Portugal e Brasil, homenaxea este martes no Paraninfo da USC a Ramón Lorenzo e Antón Santamarina

O Gallaecia III Congreso Internacional de Lingüística Histórica sitúa a USC nunha posición de liderado académico no ámbito da lusofonía, sinalou o reitor da USC, Juan Viaño, na inauguración deste foro internacional, que cita ata o xoves 30 de xullo na USC máis de 400 investigadores nos distintos ámbitos da lingüística portuguesa e galega procedentes das tres universidades de Galicia, así como doutras instituciónes e centros académicos de investigación de Portugal e Brasil.

A presidenta do comité organizador deste congreso, organizado conxuntamente polo Instituto de Lingua Galega (ILG) da USC en colaboración co Instituto das Letras da Universidade Federal de Bahía e a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Sâo Paulo, Rosario Álvarez; o secretario do congreso e director do ILG, Ernesto González Seoane; a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso, e o profesor da Universidade de Sâo Paulo, Ataliba Teixeira de Castilho, tamén no acto de apertura dun foro que renderá este martes, a partir das 20.00 horas, no Paraninfo da Universidade, unha homenaxe a dous dos fundadores do ILG e catedráticos da USC Ramón Lorenzo e Antón Santamarina. Na súa intervención, e logo de destacar a importancia dos estudos lingüísticos e filolóxicos na USC, unha universidade que non é só humanística, senón que tamén é referente en varias áreas da lingüística e da filoloxía a nivel nacional e internacional, Viaño tamén tivo palabras de recoñecemento para Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, aos que se referiu como “pioneiros do desenvolvemento da lingüística galega e románica”. Este congreso apoia e reforza a importancia que a USC lle concede á internacionalización, especialmente dentro dos países de expresión portuguesa, nos que Galicia pode e debe desempeñar unha función de ponte de comunicación entre dous mundos de dimensións oceánicas: o mundo de expresión española e o de mundo de expresión portuguesa, manifestou Viaño. O reitor da USC lembrou tamén o traballo do Instituto da Lingua Galega, “que vai camiño do médio século de historia e sempre sostivo relacións coa lingüística e filoloxía desenvolvida nos ámbitos europeo e americano. É unha entidade que aposta pola colaboración internacional coas universidades portuguesas e brasileiras na formación de investigadores, no intercambio de profesores e investigadores, na codirección de teses, tribunais académicos, comisións avaliadoras e publicacións conxuntas”, dixo. Tras a intervención do reitor, o profesor do Departamento de Filoloxía Galega da USC Henrique Monteagudo ofreceu a conferencia inaugural do congreso, que se desenvolveu baixo o título ‘A lingua no tempo, os tempos da lingua. Gramática diacrónica e historia social’. Programa O programa do III Congreso Internacional de Lingüística Histórica continuará a desenvolverse ata o xoves 30 de xullo na Facultade de Filoloxía, onde xa hoxe comenzarán a desenvolverse en quenda de tarde cursos específicos, presentacións de comunicacións e demais sesións previstas. O acto académico de homenaxe a dous dos fundadores do Instituto de Lingua Galega e catedráticos da USC Ramón Lorenzo e Antón Santamarina capitalizará este martes a atención da segunda xornada deste congreso, durante a que o profesor da Universidade de Sâo Paulo Ataliba Teixeira de Castilho ofrecerá unha conferencia plenaria baixo o título ‘Sistemas complexos e mudança lingüística’.

O catedrático de Lingüística Románica na Cátedra de Linguas Románicas da Universidade de Zúrich e membro correspondente da Real Academia Galega, Johannes Kabatek, ofrecerá o mércores, ás 13.00 horas, o relatorio plenario ‘Novas visualizacións dos datos linguísticos’. O responsable do equipo Pessoa na Facultade de Letras de Lisboa, Ivo Castro, pechará o xoves o Gallaecia III Congreso Internacional de Lingüística Histórica internacional cunha intervención baixo o título ‘Os de Vasconcellos’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.07.2015.