Ir o contido principal

III Gala da Radio de campUSCulturae

Na véspera da conmemoración en todo o mundo do Día Internacional da Radio, o proxecto campUSCulturae organiza este venres 12 a terceira gala do Día da Radio, que reunirá ás 12.00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación a 300 escolares de primaria e secundaria.

Ao longo dunha hora e media os nenos e nenas convidados, procedentes de centros de ensino galegos, participarán nun programa radiofónico en directo conducido polos presentadores Nieves Rodríguez e Carlos Roma. Durante esta festa da radio, que será retransmitida en streaming por Radio campUSCulturae, haberá actuacións musicais en directo do grupo vigués Ameva e de Paulo DJ, conexións con distintas emisoras de radio e concursos en directo nos que participarán os nenos e nenas presentes, de idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos.

Con esta gala, o proxecto campUSCulturae celebra tamén o segundo aniversario da inauguración da súa radio en liña, que mantén as emisións de xeito ininterrompido desde o 13 de febreiro de 2014.

O vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, Xosé Pereira Fariña; o coordinador de campUSCulturae, Xosé A. Neira Cruz; e os coordinadores de Radio campUSCulturae, Toni España, Jonatan Barral e Germán Valcarce, serán os encargados de inaugurar esta actividade que forma parte dos contidos deste proxecto europeo co financiado pola Culture Agency da UE.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2016.