Ir o contido principal

O III Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza comeza en Formación do Profesorado con preto de 20 inscritos

Rodríguez Lestegás, García Porto, García Herradón e Otero Urtaza, na presentación do III Máster DAEN en Formación do Profesorado
Rodríguez Lestegás, García Porto, García Herradón e Otero Urtaza, na presentación do III Máster DAEN en Formación do Profesorado
O vicerreitor García Herradón salienta o carácter “singular e vangardista” deste posgrao, “un dos máis demandados da USC”, segundo o profesor Otero Urtaza

A terceira edición do Máster en Dirección de Actividades Educativas Natureza (DAEN) botou a andar este xoves con preto de vinte alumnos na Facultade de Formación do Profesorado, que acolleu a inauguración deste posgrao oficial da Universidade de Santiago, un acto que estivo presidido polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e no que tamén participaron o coordinador do máster, Uxío Otero Urtaza; a deputada provincial Pilar García Porto e o decano do devandito centro universitario, Francisco Rodríguez Lestegás.

García Herradón salientou na súa intervención “o carácter singular dun máster que sitúa Lugo e a USC na vangarda educativa”, ao tempo que fixo alusión á formación integral que persigue a súa programación, uns contidos nos que conflúen moitas e moi diversas áreas de coñecemento, como o demostra o feito de que a carga docente do máster estea repartida entre máis de 20 profesores. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo agradeceu publicamente a colaboración da Deputación Provincial de Lugo no desenvolvemento deste posgrao, ao tempo que recordou que permanente participación da Deputación en todas as actividades desenvolvidas pola USC no campus lugués. O profesor do Departamento de Historia da Educación da USC e coordinador do posgrao en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, Uxío Otero Urtaza, criticou na apertura oficial do máster as actuais políticas en materia de educación que conlevan a eliminación de moitas bolsas e achegas para estudo e “impiden que moitas persoas de familias humildes poidan continuar a súa formación universitaria”. Otero Urtaza atribúe tamén aos recortes en Educación a merma de alumnos matriculados nesta terceira edición do máster DAEN, un posgrao no que xa están inscritos preto de 20 persoas, aínda que o prazo de matrícula pecha o próximo 4 de outubro. Aínda así, Otero Urtaza dixo que “este é un ano de transición para un máster que na próxima edición volverá ter unha numerosa demanda, pois daquela xa terá rematado os seus estudos a primeira promoción de graduados en Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria”. O coordinador do máster DAEN destacou tamén que esta edición será a da internacionalización deste posgrao en Dirección de Actividades Educativas na Natureza. Otero Urtaza dixo neste senso que tres dos alumnos da actual promoción poderán completar na primeira metade do ano 2014 unha estadía formativa durante 15 días en Grecia. Este profesor da USC precisou asemade que o máster DAEN será tamén antes de final de ano tema dun artigo da prestixiosa publicación ‘Cadernos de Pedagoxía. Outro dos elementos que, na opinión de Otero Urtaza, dará máis proxección internacional ao máster DAEN é a presentación deste posgrao, da súa filosofía e dos seus contidos, na oitava edición da Conferencia Ministerial sobre Protección de Bosques de Europa (Forest Europe Pedagogics) que se celebrará en Bilbao do 23 ao 25 de outubro . Alumnos matriculados na terceira edición do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2013.