Ir o contido principal

A III Xornada de Propiedade Industrial revisa os avances cara un sistema unificado de patentes en Europa

A III Xornada de Propiedade Industrial celebrarase o día 28 no Salón de Graos da Facultade de Dereito organizada polo Instituto de Dereito Industrial (Idius) e o Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC (CEDE). No marco dos recentes traballos comunitarios cara unha patente unitaria na Unión Europea, distintos expertos e relatores españois e europeos, revisarán os avances recentes cara o sistema unificado de patentes en Europa. Ademais, tratarase a posición dos agregadores de información ante a infracción de dereitos de propiedade industrial e intelectual en internet ou o ambush marketing. A xornada está dirixida a investigadores, profesionais, alumnado universitario e público en xeral. A asistencia será libre ata completar aforo tendo preferencia as persoas que se inscriban previamente na secretaría da xornada (miriam.martinez2 [at] rai.usc.es (miriam[dot]martinez2[at]rai[dot]usc[dot]es)). O director da Oficina Española de Patentes e Marcas, Alberto Casado, abrirá a sesión, intervindo a continuación o investigador do Max Planck Institute for Intellectual Property and Competition Law, Mathias Lamping, e o profesor da Universidade de Coimbra Joao Paulo Remedio Marques. As intervención dos catedráticos José A. Gómez Segade, director do IDIUS, e María Victoria Petit Lavall, da Universidade Jaume I, pecharán a sesión matinal. O programa pecharase coa participación dos profesores Fernando Carbajo Cascón, da Universidade de Salamanca, e Ángel García Vidal, director do CEDE da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2011.