Ir o contido principal

O iMATUS afianza a relación co mundo empresarial galego na xornada do Día Mundial dos Materiais

Un momento da xornada. FOTO: iMATUS
Un momento da xornada. FOTO: iMATUS
O evento, no que se tenderon pontes entre a investigación e a industria, foi valorado cun promedio de satisfacción de 9 sobre 10 polas persoas representantes das firmas

O encontro entre o persoal investigador do Instituto de Materiais da USC (iMATUS) e representantes de diversas industrias galegas con motivo do Día Mundial dos Materiais serviu para ampliar as relacións entre o centro e o mundo empresarial, salientándose as xornadas de portas abertas ou os proxectos conxuntos como algunhas das fórmulas máis axeitadas para afianzar a colaboración entre os dous eidos.

No evento, que se desenvolveu na sede do centro, abordouse así mesmo a posibilidade de desenvolver outras fórmulas de cooperación coma os doutoramentos industriais ou as reunións personalizadas e presenciais entre persoal investigador e representantes das empresas, xunto coa difusión de boletíns de noticias que recollan as actividades dos centros de investigación, e mesmo a participación de investigadoras e investigadores da USC en congresos do ámbito empresarial.

As actividades principais da xornada foron tres mesas redondas. Na primeira falouse de materiais axeitados para atender as demandas da industria e as tecnoloxías emerxentes, o que require intensificar a investigación en novos materiais e acelerar os tempos de chegada ao mercado; na segunda debateuse sobre materiais para a saúde, poñendo de relevo a crecente importancia dos biomateriais na medicina contemporánea; e a terceira abordou o emprego de materiais para o sector da enerxía e o medio ambiente, en concreto para a mellora da produción e o almacenamento de enerxía e para o desenvolvemento de novas tecnoloxías para a reciclaxe. 

A vicerreitora Pilar Bermejo, cuarta pola dereita, inaugurou a xornada. FOTO: iMATUS
A vicerreitora Pilar Bermejo, cuarta pola dereita, inaugurou a xornada. FOTO: iMATUS
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2024.