O impacto da COVID-19, obxecto de análise na VII Xornada Universitaria Galega en Xénero
A VII Xornada Universitaria Galega en Xénero, organizada polas oficinas de igualdade das universidades galegas, desenvolverase os vindeiros días 10 e 11 de xuño a través de MS Teams. A inscrición de balde pode formalizarse neste formulario de inscrición . Nesta edición poñerase o foco en visibilizar o impacto da actual crise sanitaria, social e económica nos ámbitos da violencia de xénero e da traxectoria investigadora das mulleres; así como a importancia da aposta por unha docencia universitaria con perspectiva de xénero.
O relatorio inaugural ‘Cando as informáticas rompen a brecha dixital’ correrá a cargo de Capitolina Díaz, experta en Socioloxía do Xénero e catedrática da Universitat de València. As sesións nutriranse tamén coa exposición das comunicacións aceptadas nas áreas temáticas Mulleres, investigación e COVID; Violencias contra as mulleres; e Perspectiva de xénero na docencia universitaria. O programa pode consultarse nesta ligazón. As persoas que tomen parte nesta actividade financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, recibirán un diploma acreditativo de asistencia.