A implantación global de prácticas locais de inflexión positiva mudaría a urxencia climática da Terra por un futuro sostible
O rumbo que está a tomar o planeta Terra é desastroso e avanza cara ao colapso, tal e como se apunta o úlitmo ‘Informe Mundial sobre os Puntos de Inflexión’ (‘Global Tipping Points Report’), un pormenorizado estudo sobre a saúde do planeta presentado este luns na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC polo profesor Sebastián Villasante e o tamén investigador do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) José Antonio Sanabria-Fernández, que poñen o foco nas posibilidades de invertir ou, cando menos enmendar, a situación actual a través da implementación a nivel global daquelas iniciativas locais que están a producir inflexións positivas.
Villasante e Sanabria, que son responsables da autoría de varios dos artigos compilados neste informe mundial, coordinado polo profesor Tim Lenton da Universidade de Exeter, e no que tomaron parte máis de 200 científicos e científicas de todo o mundo, alertaron da situación de emerxencia que se desprende dun estudo no que se identifican ata 26 puntos de inflexión negativa no planeta Terra. A continuidade no tempo e a suma destes efectos desastrosos poden levar ao colapso, afirman, ao tempo que recoñecen que unha acción coordinada a prol do futuro sostible do planeta aínda podería investir a situación.
“A velocidade da eliminación dos combustibles fósiles e o crecemento das solucións sen carbono determinarán o futuro de milleiros de millóns de persoas”, subliñan estes investigadores, que do mesmo xeito que se recolle no ‘Informe Mundial sobre os Puntos de Inflexión’, tamén recomendan o redeseño dos modelos de gobernanza a fin de diminuír as desigualdades entre os pobos ou valorar nun inventario climático mundial os esforzos feitos por cada país fronte ao cambio climático.
A coordinación das políticas en favor de puntos de inflexión positivos, a abordaxe desta problemática nun foro internacional e o afondamento no estudo das causas e consecuencias dos puntos de inflexión son outras das medidas propostas nun informe mundial que conclúe que xa non é posible “seguir como ata agora”, dado que se están producindo cambios rápidos na natureza e nas sociedades e o quecemento global vai camiño de superar os 1,5 °C, e isto podería provocar, entre outros efectos, o colapso das grandes capas de xeo e a mortalidade masiva dos arrecifes de coral de augas ou unha posible “perda catastrófica a escala mundial da capacidade de produción de cultivos básicos”.
O desxeo de Grooenlandia ou a deforestación da Amazonia son outros dos impactos negativos que se apremia corrixir neste informa, segundo lembraron este luns Villsante e Sanabria nunha sesión moderada polo decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC, Roberto Bande. Neste intervención, os dous investigadores da USC sinalaron como contrapuntos desta inercia negativa e puxeron en valor o beneficio que deparan accións locais con efectos positivos como o son o plan de mobilidade urbana de Pontevedra, e experiencia e coxestión de recursos de pesca artesanal experimentada no porto de Lira e que serviu de inspiración da lexislación lusa e tamén de varias organizacións de Latinoamérica.