Ir o contido principal

Imposición da Medalla de Ouro da USC a Michèle e Armand Mattelart

O reitor Juan Viaño imporalle a Medalla de Ouro da USC Michèle e Armand Mattelart, reputados investigadores no ámbito da comunicación. A Medalla é a máxima distinción para facer patente o recoñecemento da Universidade de Santiago de Compostela e concédese a persoas ou entidades que sobresaian dun xeito extraordinario pola súa contribución ao sostemento ou ao cumprimento dos fins da institución. O acto institucional de imposición celebrarase o martes 21 ás 13.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación coa participación da catedrática Margarita Ledo para realizar a laudatio dos dous investigadores homenaxeados.

A parella de intelectuais está considerada como referentes mundiais que marcan a traxectoria máis destacada do pensamento crítico europeo e iberoamericano sobre as ciencias da comunicación nos últimos 50 anos pola súa orixinal abordaxe da confluencia sistémica dos medios e as estruturas sociopolíticas de poder, a análise dos fluxos comunicacionais entre centro e periferia ou da transnacionalización das redes de telecomunicacións e información, entre outros.

A proposta de nomeamento realizada pola Facultade de Ciencias da Comunicación, subliña a influencia destacada do pensamento dos Mattelart na modernización dos estudos de comunicación na España das últimas dúas décadas do século XX “e, sobre todo, na orixe e desenvolvemento da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC”. Segundo esta proposta, as teorías desta parella de intelectuais “representa o enfoque máis renovador, contemporáneo e influínte da comprensión dos cambios que se estaban producindo no ámbito da globalización e no sistema de medios de información a través da introdución das novas tecnoloxías e satélites de comunicación, de Internet e das redes dixitais”.

A investigación e bibliografía dos Mattelart está presentes nos principais programas das materias didácticas dos graos de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da Facultade compostelá. Destacan os aspectos que relacionan a economía da comunicación, as políticas públicas, os estudos de xénero e máis a análise crítica do discurso, que son “nucleares” na formación dos graos que imparte a USC neste área de coñecemento.

AGACOM
A imposición da máxima honra da USC coincide coa participación de ambos investigadores no I Congreso Internacional da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (AGACOM), que se celebrará os días 20 e 21 de novembro co lema ‘Alén das fronteiras: redes de diversidade’. Con este encontro AGACOM busca promover e impulsar a investigación no ámbito da información e a comunicación no ámbito lusófono. A cita cadra ademais co 25 aniversario da implantación dos estudos de comunicación en Galicia, concretamente na USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2017.