Ir o contido principal

Novo impulso ao programa de axudas da USC a persoas refuxiadas

Dende os seus inicios, o programa ten aumentado de xeito significativo o número de persoas beneficiarias. FOTO: Santi Alvite
Dende os seus inicios, o programa ten aumentado de xeito significativo o número de persoas beneficiarias. FOTO: Santi Alvite
Esta convocatoria, parcialmente financiado polo programa de micromecenado Sumo Valor da USC, asignou recentemente dez novas axudas para persoas de diversas procedencias en situación de refuxio que realizan estudos de grao, mestrado ou doutoramento na USC no curso 2023-2024
Lugo, Santiago de Compostela

A USC acaba de resolver a asignación de dez novas axudas ao abeiro do programa de apoio a persoas refuxiadas ou con estatuto de protección temporal. Esta é unha convocatoria parcialmente financiada polo programa polo micromecenado Sumor Valor da USC á que podían concorrer persoas que realizan estudos de grao, mestrado ou doutoramento na USC durante o presente curso académico. A institución universitaria reafirma o seu compromiso social a través deste programa en funcionamento que, dende o curso 2016-2017, proporciona axudas de doce meses de duración para a realización de estudos universitarios.

A cobertura das axudas, para un período de doce meses e dirixidas a estudantes que posúan estatuto de persoa refuxiada, de protección temporal ou procedan de zonas en conflito, inclúe os gastos de matrícula dun curso académico completo, aloxamento gratuíto no Servizo Universitario de Residencias, unha asignación mensual para gastos de mantenza e a realizacións de dous cursos semestrais de galego ou español no Centro de Linguas Modernas.

Dende os seus inicios, o programa ten aumentado de xeito significativo o número de persoas beneficiarias ao pasar das dúas axudas iniciais ás dez concedidas nas dúas últimas convocatorias, cun investimento que supera os 100.000 euros por convocatoria grazas á colaboración do Consello Social da USC e ás achegas realizadas por particulares ou empresas a través do programa de micromecenado Sumo Valor.

“A USC considera necesario continuar dedicando parte dos seus esforzos á atención de persoas en situación de vulnerabilidade, tamén no eido internacional”, segundo destaca a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. “Non podemos deixar de apelar á comunidade universitaria e á propia cidadanía para contribuír á continuidade destas axudas a través do micromecenado; toda axuda, por pequena que sexa, é sempre benvida para tratar de ofrecer o máximo número de axudas posible.”

Como realizar as doazóns

O programa de micromecenado Sumor Valor da USC foi creado co obxecto de apoiar proxectos que poidan ser financiados por medio de microdoazóns, de xeito que a sociedade sexa tamén partícipe das diversas iniciativas levadas a cabo pola Universidade. Así, tanto particulares como empresas poden realizar achegas por un valor máximo de 3.000 euros, con dereito a dedución fiscal, para financiar determinadas iniciativas como o Programa de Axudas a Persoas Refuxiadas ou con Estatuto de Protección Temporal.

As persoas físicas ou xurídica que desexen facer a súa achega para este propósito a través dunha microdoazón poden realizala mediante o formulario electrónico que a USC pon á súa disposición na web de Sumor Valor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2023.