Os impulsores do Life Fluvial presentan en Portugal o proxecto de xestión sostible de corredores fluviais na rexión atlántica ibérica
O director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus Terra da USC, Pablo Ramil Rego, acompañado doutros investigadores deste intituto universitario, participou en Portugal na presentación do Life Fluvial, un proxecto transnacional orientado a mellorar a xestión sustentable nos corredores fluviais da rexión atlántica ibérica, no marco dun acto no que tamén estiveron presentes o director do Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio (Indurot) da Universidade de Oviedo, Jorge Marquínez, e representantes doutros dos organismos públicos e empresas privadas que colaboran no desenvolvemento deste programa transnacional que conta cun orzamento de máis de tres millóns de euros, financiados nun 75% pola Comisión Europea.
O acto de presentación do Life Fluvial en territorio luso desenvolveuse no Centro de Interpretación Ambiental da Área Protegida e Zona Húida de Importância Internacional das Lagoas de Bertiandos e San Pedro de Arcos (Ponte de Lima), coincidindo coa celebración do Día Mundial das Zona Húmidas. O envento, contou asemade coa presenza dos representantes locais da Cámara Municipal de Ponte de Lima, así como coa representación dos organismos estatais de xestión das cuncas fluviais, dos espazos protexidos e da biodiversidade. A xornada estivo composta por catro ponencias que permitiron á audiencia coñecer de primeira man as accións do proxecto Life Fluvial, así como o estado de conservación dos amieirais (bosques de amieiro) portugueses.
A presentación das actuacións contempladas no proxecto Life Fluvial, a cargo do director do Indurot abriu a quenda de intervencións desta xornada, no maco da que Patricia González Rodríguez, do Centro de Estudos Florestais, ISA-Universidade de Lisboa, tratou o contexto ecolóxico actual dos bosques de amieiro en Portugal. De seguido, Pedro Arsénio, do ISA-Universidade de Lisboa, falou sobre a conservación dos amieirais na Rede Natura 2000 de Portugal, facendo espacial fincapé nas achegas que reportará a este rspecto o Life-Fluvail. A sesión rematou cun relato de Rui Rivaes, do Centro de Estudos Florestais, ISA-Universidade de Lisboa, que explicou as accións concretas de conservación contempladas neste programa transnacional no LIC Río Lima (PTCON0020), detallando os problemas e ameazas detectados e as solucións propostas a cada un deles.
O acto rematou cunha visita ás Lagoas de Bertiandos e San Pedro de Arcos, cun percorrido no que os visitantes puideron coñecer de primeira man a historia desta zona húmida, os valores máis salientables da mesma, e a implicación do goberno municipal na conservación desta contorna natural.
O proxecto Life Fluvial, cuxo prazo de execución abrangue ata o 31 de agosto de 2021, ten como principal obxectivo a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para este propósito, os promotores deste programa propoñen desenvolver unha estratexia transnacional para a xestión sostible dos seus hábitats en varias cuncas fluviais atlánticas da Península Ibérica (Galicia, Asturias e Portugal Norte). A transnacionalidade é un dos aspectos fortes do proxecto, posto que este xorde como resultado da colaboración entre 8 organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal: Ibader, Indurot, Instituto Superior de Agronomía (ISA) da Universidade de Lisboa, Asociación InterEO, Asocación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, Concello de Ribadeo, Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa) e Tragsa.
O Life Fluvial constitúe asemade un programa que foi fortemente apoiado por máis de 50 proxectos nacionais ou internacionais, organismos públicos, entidades locais, asociacións, centros de investigación e científicos de varios países, que outorgaron un apoio incondicional á candidatura ao considerala de gran interese de cara á posta en marcha de estratexias de xestión sostible en corredores fluviais, e a súa aplicación a outros territorios.