Ir o contido principal

Inauguración do 21 Congreso internacional de Galicia e Norte de Portugal de formación para o traballo

O encontro estará dedicado á formación e a orientación na empregabilidade e mobilización do talento senior fronte ao edadismo no emprego
Santiago de Compostela

Poboación produtiva maior: a formación e a orientación na empregabilidade e mobilización do talento senior fronte ao edadismo no emprego. Este é o lema sobre o que xirará o 21 Congreso Internacional Galicia/Norte de Portugal de formación para o traballo ( http://xurl.es/njue8 ). É un encontro pioneiro de carácter internacional que prestará especial atención ao edadismo no eido laboral, termo acuñado polo psiquiatra Robert Butler para referirse á discriminación das persoas maiores en base a prexuízos ou estereotipos respecto da idade. O congreso organízano o Grupo Galego de Estudos para a Formación e Inserción Laboral (GEFIL) da USC e a delegación rexional do norte do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal co patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.

O reitor Antonio López presidirá este xoves 19 o acto inaugural do encontro, a celebrar a partir das 9.45 horas no Centro Social Abanca (praza de Cervantes). Intervirán ademais o alcalde do Concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús; o delegado rexional do norte do Instituto do Emprego e Formación Profesional, António Leite; a presidenta do congreso, a profesora Margarita Valcarce Fernández; e o vicepresidente do Comité Organizador, Joaquim Coimbra.

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística de España, preto dun 30% das persoas de máis de 45 anos afirman ter sufrido discriminación pola súa idade, mentres que un informe de 2018 de ADECCO constata que as empresas optan por persoas de 26 a 35 anos para cubrir as súas ofertas de emprego, mentres que o segmento daquelas de 36 a 45 anos segue perdendo peso. O congreso abordará os desafíos do edadismo na formación, a orientación e o emprego e representa unha oportunidade para debater sobre como se está tratando a discriminación por razón de idade nestes ámbitos, por parte das administracións, a política, os empregadores/as, sindicatos e a sociedade en xeral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2019.