Ir o contido principal

Inauguración do cuarto Seminario Internacional Resclima

O vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa, presidirá este venres 26 a inauguración da cuarta edición do Seminario Internacional Resclima, ao abeiro do que tamén se celebra o II Encontro da Rede Internacional de Pesquisadores en Educação Ambiental e Justiça Climática (REAJA). O encontro permitirá abordar algúns dos retos inmediatos para que os sistemas educativos orienten as súas prácticas pedagóxicas para conseguir os obxectivos de mitigación e adaptación que a comunidade científica internacional marca como imprescindibles para ter certo control sobre un clima cada vez máis hostil para a humanidade.

Na xornada inaugural, que se celebrará ás 9.00 horas no Auditorio de Galicia, tamén intervirán a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa; o concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática, Xan Duro Fernández; a secretaria do seminario, Lucía Iglesias da Cunha; e Ronaldo Eustáquio Feitoza Senra, en representación de REAJA.

Como apunta o comité organizador do encontro, o cambio climático “é o gran reto do século XXI. Para eludir os peores escenarios que prognostica a ciencia é preciso adoptar cambios profundos nas nosas sociedades”. Urxe “tomar conciencia da vulnerabilidade humana diante desta ameaza, así como aceptar a maior responsabilidade das sociedades que más teñen contribuído ás emisións de Gases de Efecto Invernadoiro, que contrasta coa menor capacidade das sociedades infra-desenvolvidas para responder aos efectos dun clima fora de control”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2018.