Ir o contido principal

Inauguración dunha nova edición dos cursos de Lingua e cultura galegas para estranxeiros e para españois de fóra de Galicia

Os cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de fóra de Galicia iniciarán este venres 4 unha nova edición coa participación de estudantes de vinte e cinco países de todo o mundo. A inauguración oficial celebrarase a partir das 12:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía nun acto no que estarán presentes o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto; a secretaria xeral de Política Lingüística, Mª Sol López; o secretario da Real Academia da Lingua, Manuel González; o director dos cursos, Francisco Fernández Rey; e a directora do Instituto da Lingua Galega da USC, Rosario Álvarez.
Esta é a vinte e unha edición dos cursos polos que xa pasaron máis de 2.000 alumnos de moi diversos países de todo o mundo. Nesta edición procederán de Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, Cuba, España, Estados Unidos, Estonia, Finlandia, Grecia, India, Irlanda, Italia, Hungría, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Romanía, Rusia, Serbia, Suíza, Ucraína e Xapón.
Nesta nova andaina, na que se estrea como director o catedrático de Filoloxía Románica da USC e membro da RAG, preténdese seguir o ronsel que deixaron os cursos nos pasados anos e traballar coa mesma dedicación e entrega na difusión da lingua e cultura galega fóra das súas fronteiras naturais. Os cursos están organizados pola Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega da USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2008.