Inauguración da mostra ‘A vivir que son 100 anos’, unha visión científica da lonxevidade e o avellentamento saudable
A USC inaugurará este martes 15 a exposición ‘A vivir que son 100 anos’, unha mostra deseñada e promovida pola Fundación Xeral CSIC que ofrece unha visión científica da lonxevidade e o avellentamento saudable. Esta é unha iniciativa incluída dentro das actuacións levadas a cabo no proxecto Centro Internacional sobre o Avellentamento financiado por fondos FEDER.
No acto inaugural a partir das 19.30 horas no Colexio de Fonseca, participarán o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica Gumersindo Feijoo Costa; o delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio de Ron Pedreira; o director xeral da Fundación Xeral CSIC, Álvaro Giménez; e o profesor de UVigo, Xesús Lage Picos.
A través de cinco ámbitos diferentes, a exposición invita a recorrer o camiño da vida e enfrontarse ao proceso de avellentamento, mostrando aqueles factores que podan determinar que este percorrido se efectúe nas mellores condicións posibles. Desta forma, quen a visite descubrirá que a aprendizaxe continua, unha nutrición óptima, o exercicio físico ou as relacións sociais son algúns dos aspectos que inflúen, en gran medida, neste proceso.