Ir o contido principal

Inaugurada a Unidade de Cirurxía Experimental de Oftalmoloxia no CiMUS

O reitor falando cos asistentes á inauguración da Unidade de Cirurxía Experimental de Oftalmoloxia no CiMUS. Foto: Servimav
O reitor falando cos asistentes á inauguración da Unidade de Cirurxía Experimental de Oftalmoloxia no CiMUS. Foto: Servimav

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, presidiu este xoves a inauguración oficial da Unidade de Cirurxía Experimental de Oftalmoloxía no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS).

Na sesión participaron tamén a xerenta da EOXI de Santiago, Eloina Núñez, a directora da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, María Gómez-Reino; o catedrático de Oftalmoloxía e responsable do Laboratorio de Ciencias Visuais, Francisco García, e o catedrático de Oftalmoloxía da USC e xefe do Servizo de Oftalmoloxía do CHUS, Francisco Gómez-Ulla.

O obxectivo desta nova Unidade é o de ofrecer un espazo con infraestrutura cirúrxica especializada, tanto para procedementos experimentais como docentes. A Unidade é froito da colaboración entre a USC e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, xunto co Instituto Alcon quen a través dun convenio co IDIS doou varios equipos e deu soporte hai uns meses a través dun curso de formación especializado.

Como explicou esta mañá o profesor Gómez-Ulla, o novo material da unidade servirá para mellorar a investigación experimental e favorecer que os oftalmólogos en formación poidan practicar as técnicas cirúrxicas básicas e avanzadas da especialidade á vez que o persoal xa especializados poida desenvolver e practicar novas técnicas.

En concreto, o Instituto Alcon doou para esta unidade un facoemulsificador, un vitreotomo, tres simuladores de cirurxía oftalmolóxica e un compresor para o funcionamento de varios equipos simultáneos. Todo este material únese ao que xa tiña a unidade, que dispón ademais de manuais e programas regulados para realizar prácticas nas catro subespecialidades máis importantes da oftalmoloxía, como son glaucoma, cataratas, retina cirúrxica e oculoplastia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2018.