Ir o contido principal

Inaugurado o cuarto encontro internacional do Seminario de Estudos de Seguridade USC-CESEDEN dedicado á intelixencia, seguridade e defensa en Asia Pacífico

O seminario celébrase na Facultade de Dereito. Foto: Alfonso-Servimav USC
O seminario celébrase na Facultade de Dereito. Foto: Alfonso-Servimav USC

O Seminario de Estudos de Seguridade USC-CESEDEN dedica o seu cuarto seminario internacional ao tema ‘Intelixencia, seguridade e defensa en Asia Pacífico’, inaugurado este xoves polo reitor Juan Casares no Salón de Graos da Facultade de Dereito onde se vai celebrar ata o venres 23. Xunto ao reitor estiveron presentes ademais Emilio Sánchez de Rojas, xefe do departamento de Investigación e Análise da Escola de Altos Estudos da Defensa (CESEDEN) e José Julio Fernández, director do seminario USC-Ceseden, e o decano da Facultade de Dereito compostelá, Luis Míguez Macho. ‘Análise xeoestratéxico do escenario Asia Pacífico’ é o título da mesa redonda que abriu a quenda de intervencións coa participación de expertos de CESEDEN e da USC. Completa a sesión matinal a presentación de diversas visións particulares respecto da relación entre intelixencia, seguridade e defensa no ámbito xeográfico de estudo do seminario. Xa pola tarde, a partir das 16.15 horas están programadas dúas mesas redondas sobre evolución e transcendencia do fenómeno terrorista en Asia Pacífico e sobre as achegas do sector empresarial á intelixencia, seguridade e defensa, con especial atención a retos competitivos.

A xornada do venres 23 abrirá cunha serie de intervencións ao redor de novas consideracións respecto do impacto e repercusión da criminalidade organizada na rexión asiática do Pacífico. O seminario rematará realizando unha visión panorámica das institucións de intelixencia, seguridade e defensa e as relacións coa Unión Europea e OTAN e cunha conferencia dun representante do Centro Nacional de Intelixencia.

De esquerda a dereita, Emilio Sánchez, Juan Casares, Miguel Míguez e José Julio Fernández. Foto: Alfonso-Servimav USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.11.2012.