Ir o contido principal

Inaugurado na EPS o primeiro curso internacional sobre sistemas agroforestais ao amparo do programa Erasmus

De esquerda a dereita, os profesores da USC Rosa Mosquera e Antonio Rigueiro, o concelleiro José Rábade, Agustín Merino, Javier Bueno, e o matrimonio Nair
De esquerda a dereita, os profesores da USC Rosa Mosquera e Antonio Rigueiro, o concelleiro José Rábade, Agustín Merino, Javier Bueno, e o matrimonio Nair
É a primeira vez que se celebra un encontro destas características en Europa, no que participan máis de 30 alumnos de distintos países durante tres semanas

O vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino, inaugurou este luns na Escola Politécnica Superior de Lugo o I Curso Interncional Avanzado de Sistemas Agroforestais, organizado ao amparo do programa Erasmus. No acto de apertura o vicerreitor estivo acompañado polo voceiro do Concello de Lugo, José Rábade Arias; o director da EPS, Javier Bueno; os investigadores e organizadores do curso, Rosa Mosquera e Antonio Rigueiro, e os investigadores americanos Ramachandran P.K. Nair e a súa dona Vimala Nair.
É a primeira vez que se celebra un curso destas características en Europa e foi a Universidade de Santiago a que obtivo por concurso a coordinación desta actividade, que está financiada con fondos Europeos e organizada coa colaboración da Consellaría de Medio Rural. Os profesores de Lugo Rosa Mosquera e Antonio Rigueiro son os encargados da súa organización.
O curso está dividido en tres módulos, un por cada unha das semanas das que consta. As dúas primeiras desenvolveranse no Campus lugués e a terceira en Estremadura, onde os alumnos poderán visitar un dos sistemas agroforestais máis destacados e coñecidos, a dehesa. O primeiro bloque por tanto céntrase nos sistemas agroforestais europeos, o segundo sobre a xestión destes sistemas na área atlántica e a terceira na área mediterránea.
Participan no mesmo un total de 32 alumnos, dos que a metade son do Campus lugués, e máis de vinte profesores seleccionados en universidades de Suíza, Alemaña, Irlanda, Reino Unido, Italia, Grecia, Portugal e Túnez. En España participan tamén alumnos de Oviedo e Estremadura.
O encontro trata sobre a utilización de sistemas agroforestais a escala europea para o manexo sostible do territorio centrándose principalmente nos sistemas silvopastorais. Durante o mesmo combínanse as clases teóricas con visitas técnicas rematando cunha sesión de proba final por videoconferencia. De feito, durante estas primeiras semanas os asistentes contan con charlas e relatorios dende as 9:30 da mañá ata as 18.30 da tarde e deixan os últimos días da semana para as visitas técnicas a centros e exemplos de sistemas agroforestais.
O curso está impartido por especialistas de distintos países europeos, entre os que se atopa o director do Center for Subtropical Agroforestry (University of Florida) e experto en agronomía e edafoloxía, Ramachandran P.K. Nair, que recibirá este martes o doutorado honoris causa da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.03.2008.