Ir o contido principal

Inaugurado en Lugo o congreso sobre xestión turística en cidades Patrimonio da Humanidade organizado polo IDEGA

Preto de 90 persoas participan neste evento

O Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela inaugurou hoxe, luns 22, o Congreso Internacional sobre a Xestión Turística dos Monumentos e das Cidades Patrimonio da Humanidade, que está organizado en colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria e que se desenvolverá ata o vindeiro 25 de setembro en Lugo.
O encontro forma parte do congreso extraordinario da Liga de Cidades Históricas do Mundo –na que Galicia participa representada a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo– e ten como obxectivos debater os diferentes modelos de xestión das cidades Patrimonio da Humanidade e crear unha rede de traballo institucional co fin de reforzar a posición destas cidades no ámbito da promoción turística.
A inauguración do evento estivo a cargo do conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, que salientou a importancia do congreso para Galicia e en especial para Santiago e Lugo, “non só polo coñecemento das experiencias de promoción turística doutras cidades cun rico patrimonio, senón tamén porque permitirá acadar unha repercusión internacional e un recoñecemento das cualidades que avalan a oferta turística galega”, dixo. A xuízo do conselleiro, esta promoción conxunta abre unha vía moi interesante de cooperación e podería servir como modelo para futuros proxectos tamén entre as cidades patrimonio da humanidade.
Por parte da USC estivo na inauguración a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro, que destacou o traballo realizado polo IDEGA, que cualificou de “pulcro e de calidade”. Así mesmo indicou a importancia deste evento “polo interese que ten en si mesmo e polo que representa para Lugo”. Palabras que subscribiu tamén a vicepresidenta da Deputación Provincial María José Vega, tamén presente na inauguración.
No congreso, ao que asisten unhas 90 persoas, participan relatores de diferentes cidades patrimonio da humanidade para poñer de relevo os seus modelos de xestión turística. Así, destinos de primeira orde internacional como Florencia, Kyoto, Riga, Belén, Lviv, Angkor, Córdoba, Macao e Santiago serán obxecto da análise por parte de prestixiosos expertos nas relacións entre xestión turística e patrimonio.
O Congreso, que está organizado polo profesor da USC Miguel Pazos Otón, celebrarase no Círculo das Artes da cidade de Lugo, desenvolvéndose o día 25 unha visita á zona histórica de Santiago. O obxectivo do mesmo é debater sobre os diferentes modelos de xestión das Cidades Patrimonio da Humanidade, compartir experiencias e crear redes institucionais para reforzar a posición destas cidades coa finalidade común da promoción dun turismo urbano sustentable.
Nas sesións, que se alongarán en xornada de mañá e tarde, comparecerán relatores de diferentes cidades Patrimonio da Humanidade, especialistas internacionais fundamentalmente do mundo académico, así como tamén da administración e da xestión pública. Serán por tanto un total de 13 expertos de destinos urbanos de primeira orde internacional como Florencia, Kyoto, Riga, Belén, Lviv, Angkor, Córdoba, Macao e Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.09.2008.