Inaugurados en Compostela os IX Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago
Os IX Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago comezaron este xoves 8 organizados pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA) baixo o lema ‘Galicia e Xapón: do sol nacente ao solpor’. Profesores de universidades de Xapón e España, así como outros persoeiros da cultura, como o arquitecto César Portela ou o escritor Alfredo Conde, reuniranse para debater sobre individuo e sociedade, pensamento, relixión, cultura, valores e vivencia estética de ambas as dúas beiras do mundo. O programa previsto estenderase ata o próximo sábado, día 10, e desenvolverase en Santiago, Pontevedra e A Coruña.
A inauguración oficial das xornadas celebrouse na Aula de Cultura de Caixa Galicia en Santiago nun acto ao que asistiron o reitor da USC, Senén Barro; o xerente da S.A. de Xestión do Xacobeo, Xosé Ignacio Rodríguez Eguíbar; o subdirector de Zona e Sedes da Fundación Caixa Galicia, José Victorino Nogueira; e o presidente do Comité Organizador, o profesor da USC Carlos Baliñas. Deseguido, o propio Carlos Baliñas pronunciou a conferencia titulada ‘A imaxinación une onde as ideas separan’. O profesor da Universidade de Tenri (Xapón), Justino Rodríguez, seguiulle co relatorio ‘Visión da realidade na cultura xaponesa: o caso de Dogen, mestre de Zen’. Marcial Gondar tomou a palabra a continuación cunha intervención sobre ‘Conceptos que separan, metáforas que unen: unha proposta de encontro entre culturas’. Para completar a sesión matinal, Tetsuyasu Sumita, da Universidade de Nihon (Xapón), referiuse á presenza da filosofía española en Xapón.
A quenda da tarde ábrea ás 17:00 horas o docente da USC Xosé L. Barreiro Barreiro para disertar sobre ‘Cara á configuración dunha conciencia propia: dos problemas de Galicia a Galicia como problema’. Os tamén profesores da USC Ángel González Fernández e César Raña continuan o programa cos relatorios ‘Oriente e Occidente no pensamento de Vicente Risco’ e ‘Ángel Amor Ruibal: as raíces do pensar’, respectivamente. Ás 20:00 horas, o profesor e vicerreitor da Universidade de Tenri, Yoshitsugu Sawai, pronunciará a conferencia inaugural do encontro titulada ‘Religious perspectives of nature in east asian cultures’.
O programa previsto para o venres, día 9, celebrarase no Auditorio Caixa Galicia de Pontevedra, dedicando a sesión matinal a un bloque temático sobre ‘Individuo e sociedade’ e a da tarde á cuestión ‘Relixión, cultura e valores’. A quenda de intervencións comezará cunha conferencia do arquitecto César Portela para analizar a relación das arquitecturas galega e xaponesa a través da súa colaboración co arquitecto xaponés Isozaki. Seguiranlle Wataru Hirata, da Universidade Kansai de Osaka; Xosé Ramón Mariño Ferro, da USC; Shinjiro Ando, da Universidade Ryukoku de Kyoto; José Antonio Fidalgo Santamariña, da Universidade de Vigo; e Eriko Terao, de Kansai. Xa pola tarde, será a quenda de Federico Lanzaco, da Universidade de Sofia (Tokio); José L. Barreiro e Marcelino Agís, da USC; e Shu Tsuzumi, da Universidade de Kansai.
Os Encontros desprazaranse na xornada do sábado, día 10, á Coruña para analizar ‘A vivencia estética’. O primeiro en intervir será o catedrático da USC, Darío Villanueva, seguido de Jesús Ríos Vicente, da Universidade da Coruña; Antonio Cabezas Garcías, da Universidade de Estudos Estranxeiros de Kyoto; e de Juzo Katakura, da Universidade de Tenri. Será o escritor Alfredo Conde quen pronuncie a conferencia de clausura titulada ‘Propostas arredor de dúas realidades distantes’.