Ir o contido principal

Inaugúranse en Lugo as Xornadas de emprego, economía social e igualdade de oportunidades 'Transformando'

O Salón de Actos da Facultade de Humanidades de Lugo acolle este venres, día 23, ás 11:30 horas a inauguración das xornadas ‘Transformando’ sobre emprego, economía social e igualdade de oportunidades que organiza o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC en colaboración con varias asociacións.
As xornadas comezarán coa intervención, ás 10:00 horas, da directora de Formación e Emprego da Fundación ONCE, Pepa Torres Martínez, que falará sobre a realidade sociolaboral das persoas con discapacidade en Galicia.
De seguido, celebrarase o acto de inauguración, ao que acudirán o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; a concelleira da Área de Muller do consistorio lugués, Carmen Basadre Vázquez; a presidenta da Asociación Sociocultural de Formación do Emprego e da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural, Pilar Iglesias Osorio; o director territorial da Fundación Secretariado Xitano, Santiago González Avión; e a presidenta do CERMI, Dolores Venancio Vilaboy.
A accesibilidade será o tema da mesa redonda que se celebrará a continuación e na que participarán Vanesa Juan Jorques, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia; Manuel Ángel de Lario, técnico de accesibilidade da Confederación Galega de Minusválidos; Antonio Hernández Fernández, da Federación de Asociacións de Familiares Enfermos Mentais de Galicia; Mª Ángeles Fernández de Usera da ONCE; Julia Salgado, da Federación de Asociacións a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia; Pablo Fuentes, do Servizo de Enxeñaría do Concello de Lugo; e o arquitecto Óscar Andrés Quintela. Como moderador actuará o arquitecto responsable da Oficina de Arquitectura e Urbanismo da USC, Arturo Campanero.
Ás 16:30 horas comezarán as actividades previstas para a tarde, que inclúen o relatorio da profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal da USC, Uxía Garrido Filgueira. A partir das 18:15 horas celebraranse os talleres nos que varios expertos traballarán sobre as barreiras para persoas con enfermidade mental, discapacidade sensorial e discapacidade psíquica.
As restantes xornadas desenvolveranse en horario de 9:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas, sendo a vindeira quenda para Maxisterio os días 13 e 20 de abril, para rematar de novo en Humanidades o 4 de maio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2007.