Ir o contido principal

Inaugúrase na ETSE o curso 'Que aprendemos da catástrofe do Prestige' que dirixen os profesores Juan Garrido e Juan Lema

O Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC acolle na tarde de hoxe luns, día 12, ás 16:00 horas a inauguración do Curso ‘Que aprendemos da catástrofe do Prestige’ nun acto que estará presidido polo conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia, Jose Luis Mendez Romeu. Asisten ademais o director da Universidade Menendez Pelayo en Galicia, Xose Luis Barreiro Rivas; o director da Fundación Arao, Víctor Vázquez Seijas; e os directores do curso, os profesores Juan Garrido Fernández e Juan Lema Rodicio.
O encontro, organizado pola Universidade Internacional Menendez Pelayo e patrocinado pola Fundación Arao, desenvolverase ata o día 15 de novembro co obxecto de realizar unha primeira avaliación, con perspectiva temporal suficiente, sobre os danos experimentados no medio, as repercusións económicas e os efectos sobre o comportamento e a saúde, e, especialmente, determinar o estado de avance dos procedementos, infraestruturas, metodoloxías e coñecementos.
Os profesores do curso son especialistas en diferentes áreas e que teñen en común ter traballado a fondo en analizar ou solucionar problemas derivados do afundimento. As sesións organízanse en catro unidades temáticas, tratando a deste luns a xestión de accidentes. Xa o martes analizarán as consecuencias económicas e sociais, o mércores os efectos ambientais e a última xornada dedicarana a cuestións relacionadas coa prevención, tratamento e recuperación.
Para este curso editouse un libro con todo sos traballos presentados que será distribuído aos asistentes. Ademais, en breve será posto a disposición dos interesados unha dirección web dende a que se poderá descargar gratuitamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2007.