Ir o contido principal

Inaugúrase na Facultade de Medicina o Congreso anual da European University Information Systems

Trátase da primeira vez que o encontro se celebra en España

O congreso de maior proxección no ámbito europeo relativo ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) chega por vez primeira a España organizado pola Universidade de Santiago. Así, entre os días 23 e 26 na Facultade de Medicina, o congreso anual da asociación European University Information Systems (EUNIS) congregará en Compostela a máis de 250 especialistas, na súa meirande parte responsables de tecnoloxías da información das universidades europeas, que representan a un total de vinte e oito países, vinte e catro deles europeos ademais de Estados Unidos, Perú, Australia e Israel.
A inauguración oficial deste encontro internacional presidiraa o reitor da USC, Senén Barro, nun acto programado para este mércores 24 ás 8:30 horas na Facultade de Medicina. Ao longo de tres días, a Universidade de Santiago convértese deste xeito en punto de intercambio e difusión dos proxectos e experiencias máis salientables na aplicación das TIC no eido universitario europeo, particularmente no relativo á xestión e á docencia. Tamén se presentarán proxectos que a partir da investigación e o desenvolvemento aplicado están chamados a converterse en novos modelos de aplicación nas universidades.
Logo da sesión inaugural, dará comezo o programa científico que se vai materializar en nove conferencias plenarias, vinte e dúas sesións paralelas de exposición de 82 proxectos, unha sesión de pósteres, un seminario previo e dous titoriais. No caso das sesións plenarias, o congreso contará con relatores de índole internacional e nacional, entre os que se atopan o vicepresidente de Educause e fundador de Ecar en Estados Unidos, o representante da Dirección Xeral de Sociedade da Información e Media da Comisión Europea, o director do Centro de Supercomputación de Edimburgo, ou Louis Pouzin, un dos pioneiros dos protocolos de Internet. Xunto eles, tamén figuran Andreu Vea, pioneiro de Internet e impulsor do proxecto ‘Who is who in the Internet’ ou Miguel Álvarez, representante do proxecto europeo Stork, que persegue a estandarización dun sistema que posibilite a validación das credenciais dos usuarios a nivel europeo.
Entre os proxectos que se poderán coñecer estes días en Santiago, destacan os relativos á utilización dos conceptos de redes sociais 2.0 na Universidade, ferramentas de gravación de contidos multimedia de apoio á docencia, aplicacións semánticas de busca na web, arquitecturas de novos sistemas integrados de información, xogos virtuais de negocio e outros aplicados á docencia, gravación desatendida de clase, casos de estudo de e-administración, sistemas nacionais de matrícula, xestión de identidade, sistemas de documentación en investigación ou servizos de identidade de usuarios, entre outros asuntos.
Ademais das sesións propiamente científicas, o encontro acollerá tamén a celebración das xuntanzas de traballo dos órganos de dirección de Eunis, a asemblea xeral de todos os socios, o council e a xuntanza do consello de dirección, na que se elixirá a un novo presidente de Eunis e dun novo secretario executivo.
Traballos previosAínda que a inauguración oficial se celebrará este mércores, as sesións de traballo xa comezaron este martes co desenvolvemento dun seminario e dous titoriais.
No primeiro caso analízanse os estándares cos que se está a traballar no marco do proceso e Bolonia para a creación dun auténtico espazo europeo de educación superior, impulsado polo R3SG Group. Pola súa banda, os titoriais versarán, no primeiro caso, sobre a aplicación dos modelos de bo goberno de Tecnoloxías da Información nas Universidades, presentando o modelo desenvolto pola CRUE coa participación da propia universidade compostelá. O segundo centrarase nas prácticas e estado de desenvolvemento de vídeos e obxectos multimedia para a educación superior, impulsados por expertos nacionais e do Grupo de traballo CRUE-TIC de Multimedia, así como na análise de distintos desenvolvementos xa operativos e do avance dos grandes proxectos de referencia internacional.
EunisA European University Information Systems (EUNIS) é unha asociación creada en 1993 cuxa actividade principal é a súa conferencia anual, a cita mais importante, no contorno europeo e mundial, de reflexión sobre os asuntos vinculados ao desenvolvemento e utilización das TIC nas universidades. Na actualidade conforman a asociación 135 institucións oficiais pertencentes a 29 países europeos e Estados Unidos e Israel.
A finalidade básica deste colectivo é fomentar o intercambio, a cooperación e o debate entre os responsables dos sistemas de información europeos de institucións de educación superior e de investigación, así como establecer relacións no ámbito dos sistemas de información en cada país e no contexto europeo.
Para alcanzar os seus obxectivos, Eunis desenvolve diversas actividades entre as que se atopan, congresos, workshops e eventos con partners; boletíns informativos; informes e publicacións; grupos de traballo; premios ás mellores prácticas; listas de distribución; e acordos e proxectos conxuntos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.06.2009.