Ir o contido principal

Inaugúrase na Igrexa universitaria a exposición 'Vida e morte no Antigo Exipto. Da arte Faraónica ao Faro de Alexandría'

O reitor da USC inaugurou na Igrexa universitaria a exposición ‘Vida e morte no Antigo Exipto. Da arte Faraónica ao Faro de Alexandría’
O reitor da USC inaugurou na Igrexa universitaria a exposición ‘Vida e morte no Antigo Exipto. Da arte Faraónica ao Faro de Alexandría’

Froito do convenio asinado entre a USC e a Fundación Caixanova, e precedida polo éxito no seu paso por outras cidades galegas así como Logroño e Porto, chega a Compostela a mostra ‘Vida e morte no Antigo Exipto. Da arte faraónica ao Faro de Alexandría’. A exposición inaugurarase este martes, día 30, ás 20:00 horas na Igrexa da Universidade nun acto ao que asisten o reitor Senén Barro; o director xeral de Obra Social e Cultural de Caixanova, Guillermo Brea; a directora xeral de Programas Culturais de Unesco-España, Consuelo Vázquez; o presidente fundador da Fundación Dinastía Vivanco e principal prestador da mostra, Santiago Vivanco; e o comisario da exposición, Cándido Pazos.
Na súa sede da USC recolleranse numerosas obras, entre pezas e gravados, procedentes de diversas coleccións particulares de España, con especial mención á Colección de Santiago Vivanco. Ademais, cóntase nesta ocasión coa peculiaridade da súa novidade, ao se tratar de pezas inéditas que permitirán dar a coñecer a historia da civilización exipcia.
Unha das seccións máis interesantes da mostra, con arredor de 300 obras, é a dedicada ao descubrimento de Exipto, con gravados de época feitos por viaxeiros e artistas que formaban parte de expedicións internacionais tan frecuentes no século XIX e que teñen o valor de recoller imaxes de templos que xa desapareceron.
O resto das seccións permiten realizar un percorrido cronolóxico coa finalidade de coñecer obxectos da vida cotiá, a arte, os costumes funerarios, a historia ou a relixión. Inclúe tamén aspectos da cultura copta –esquecida frecuentemente neste tipo de mostras- e que ten un importante valor xa que é a dos primeiros cristiáns en Exipto, sen esquecer que aspectos da súa arte terán gran influencia en Occidente. Un exemplo disto é a imaxe da deusa Isis co seu fillo Horus, que será o precedente da representación da Virxe e o Neno, a Theotokos románica ou gótica.
A mostra ten como obra destacada unha reprodución de 2’5 metros de altura do Novo Faro de Alexandría realizado tras un largo período de investigación polo escultor Cándido Pazos, comisario da mostra, coordinado pola exiptóloga doutora María Luz Mangado.
Organizada por Caixanova coa colaboración especial da Fundación para la Investigación y la Divulgación del Antiguo Egipto (FIDAE) e a Fundación Dinastía Vivanco, a mostra poderá visitarse ata o 4 de marzo, data na que os organizadores agardan ter acadado a cifra de 200.000 visitantes. O horario de apertura é de martes a sábado de 11 a 14 e de 17 a 20:30 horas e o domingo de 11 a 14 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2007.