Ir o contido principal

Inaugúrase este martes na Biblioteca Concepción Arenal a exposición fotográfica científica 'Entre o visíble e o invisible'

A Biblioteca Concepción Arenal (Campus Sur) acolle este martes, día 17, ás 19:00 horas, a inauguración da exposición de fotografía científica sobre a vida no planeta ‘Entre o visible e o invisible’, organizada polo Vicerreuitoría de Cultura e a Facultade de Bioloxía. A mostra, que recolle fotografías realizadas polo persoal docente e investigador do centro organizador, permanecerá aberta ata o 6 de maio.
Os descubrimentos logrados coa tecnoloxía actual dan conciencia da importancia dese outro mundo que subxace ao que normalmente se coñece, o do infinitamente pequeno. Coa axuda de cámaras, estereo-microscopios ou microscopios pódense captar estruturas e organismos que doutra forma non se poderían observar. A ciencia e a tecnoloxía unidas ofrecen deste xeito imaxes inigualables, dunha beleza extrema, que representan o mundo do pequeno e do microscópico e que os investigadores no campo da bioloxía souberon captar nas súas investigacións.
Inaccesibles para a maioría da sociedade e para gran parte do alumnado que estuda na Universidade, as fotografías da exposición representan un conxunto gráfico de coñecementos que abarcan todas as disciplinas que se relacionan dentro do inmenso mundo da bioloxía. Desde imaxes do mundo que nos rodea ás veces con detalles que se escapan ao ollo humano ata fotografías realizadas baixo microscopio que revelan formas vivas, organismos ou estruturas que son tan inaccesibles á observación directa como poden ser as estrelas. Por último, reflíctese un mundo aínda máis complexo e amplo como é o celular, subcelular ou molecular. Todas as imaxes tomáronse coa axuda de técnicas de coloración de contraste, de imaxes fluorescentes, de hibridación in situ, de secuenciación de ADN, de releves celulares obtidos por criofratura, entre outras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.04.2007.