Inaugúrase este mércores na USC a exposición A casa habitada. A colección artística da Casa de Galicia en Madrid
A Casa de Galicia en Madrid mostrará na USC parte dos seus fondos pictóricos e escultóricos. A casa habitada. A colección artística da Casa de Galicia en Madrid é o título da exposición que este mércores 5 se inaugura ás 19:30 horas na Igrexa da Universidade.
A mostra, unha produción da Xunta a través a Casa de Galicia en Madrid en colaboración coa Vicerreitoría de Cultura, permanecerá na USC ata o 7 de decembro, data na que comezará a percorrer outras cidades e vilas galegas.
A casa habitada está integrada por preto de corenta cadros e esculturas dos douscentos que compoñen os fondos da Casa de Galicia. Preténdese así dar a coñecer a súa colección artística proveniente de compras iniciais destinadas á ornamentación do pazo que a alberga. Posteriormente, os fondos fóronse alimentando de sucesivas doazóns realizadas polos artistas e expositores, aos que se sumaron compras de pezas de artistas desaparecidos.
A Casa de Galicia en Madrid é a sede institucional da Xunta nesa cidade dende 1992. Como dependencia administrativa e centro de información e atención ao cidadán constitúe un punto de encontro de todos os galegos que viven na capital e de todos os interesados en achegarse a Galicia.