Ir o contido principal

Inaugúrase un obradoiro de emprego sobre aplicacións informáticas na Aula de Produtos Lácteos

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, inaugurarán este martes 22 de decembro ás 10:00 horas na Aula de Produtos Lácteos de Lugo o obradoiro de emprego ‘Interleite 2.0’, que se desenvolverá nestas instalacións da USC.
Nesta actividade participarán 30 persoas maiores de 25 anos que se atopan en paro e que se distribuirán nas especialidades de deseño gráfico e multimedia, redes e aplicacións informáticas web, e elaboración de produtos lácteos e contidos web, co fin de actualizar, ao longo do ano que dura o obradoiro, os contidos pedagóxicos dos 28 cursos do sector lácteo que se imparten con soporte informático e crear un mapa interactivo do sector en Galicia, entre outras accións.
O obradoiro ‘Interleite 2.0’, que conta cun investimento de máis de 670.000 euros cofinanciados pola USC e a Consellería de Traballo e Benestar, contribuirá a mellorar a formación e a empregabilidade dos participantes, que poden aprender un oficio ao tempo que reciben un salario polo seu traballo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2009.