Inaugúrase na USC a exposición 'A casa habitada. A colección artística da Casa de Galicia en Madrid'
A Casa de Galicia en Madrid mostrará na USC parte dos seus fondos pictóricos e escultóricos. A casa habitada. A colección artística da Casa de Galicia en Madrid é o título da exposición que este mércores 5 se inaugurará ás 19:30 horas na Igrexa da Universidade nun acto ao que asisten o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, o reitor compostelán, Senén Barro, e o presidente da Casa de Galicia, Alfonso Palomares.
A mostra, unha produción da Xunta a través a Casa de Galicia en Madrid en colaboración coa Vicerreitoría de Cultura, permanecerá na USC ata o 7 de decembro, data na que comezará a percorrer outras cidades e vilas galegas.
A casa habitada está integrada por preto de corenta cadros e esculturas dos douscentos que compoñen os fondos da Casa de Galicia. Preténdese así dar a coñecer a súa colección artística proveniente de compras iniciais destinadas á ornamentación do pazo que a alberga. Posteriormente, os fondos fóronse alimentando de sucesivas doazóns realizadas polos artistas e expositores, aos que se sumaron compras de pezas de artistas desaparecidos.