Inaugurouse na Igrexa da Universidade a mostra fotográfica 'Espellismos' de Joan Fontcuberta

A Vicerreitoría de Cultura da USC inaugurou na Igrexa da Universidade a exposición de fotografía ‘Espellismos. Antolóxica de Joan Fontcuberta’, unha produción da Deputación da Coruña en colaboración coa Fundació Foto Colectania. No acto inaugural participaron o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; a vicerreitora de Investigación da USC, María José Alonso; e o propio Joan Fontcuberta.
A mostra, que poderá ser visitada ata o 31 de agosto, está comisariada polo fotógrafo Xurxo Lobato, membro da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e director do Festival Olladas´08 no que se encadra esta produción que vén dar o relevo a ‘Miradas Emerxentes. Novos Fotógrafos Galegos’.
‘Espellismos’ é unha idea orixinal da Fundació Foto Colectania e Joan Fontcuberta, realizada a partir dos fondos da colección e de obras procedentes do propio fotógrafo. Vertébrase ao redor de dous grandes eixes da obra de Fontcuberta: a ficción e a natureza.
As diferentes series que se presentan do polifacético fotógrafo catalán (Fauna, Constelacións, Sputnik e Oroxénese) permiten ir descubrindo as claves recorrentes do seu traballo: provocación calculada, imaxinación, narratividade, ironía, cuestionamento da imaxe (iconas que parecen o que non son e aquelas que cambian co contexto), manipulación da imaxe nos medios e na política, uso do autorretrato e das novas tecnoloxías... Neste sentido, comparte con outros artistas contemporáneos a preocupación polos problemas da súa época dende a distancia e a curiosidade.
Ao percorrer a exposición o visitante comprobará que se poden establecer vínculos entre as imaxes de Constelacións, pasando pola narración case literaria de Fauna e Sputnik, ata chegar á reconstrución e deconstrución da natureza na serie Oroxénese.
Joan FontcubertaJoan Fontcuberta (Barcelona, 1955) ten un extensísimo e rico currículo que o fai ser un dos artistas cataláns de maior difusión internacional. Recibiu o Premio Nacional de Fotografía (1998) e a medalla David Octavius Hill da Fotografische Akademie GDL de Alemaña (1988), entre outras distincións. No ano 1994 foi nomeado cabaleiro da Orde das Artes polo Ministerio de Cultura francés e en 1997 o Consello das Artes de Inglaterra concedeulle o premio anual de fotografía e imaxe electrónica do Reino Unido.
A súa obra atópase en importantes museos como o Metropolitan Museum of Art e Museum of Modern Art (MOMA) de Nova York, o Musée d´Art Moderne-Centre Georges Pompidou de París, o Museu Nacional d´Art de Catalunya en Barcelona ou o IVAM de Valencia, entre outros.
Fontcuberta aproximouse ao mundo da fotografía dende moitas vertentes, sendo tamén profesor, crítico e comisario de exposicións. Imparte clases na Facultade de Comunicación Audiovisual da UPF de Barcelona e foi profesor noutros centros e academias, tanto en Europa como en Estados Unidos. En 1980 creou Photovision, unha revista bilingüe en inglés e castelán, da que aínda é editor xefe. Creou e promoveu diversas exposicións fotográficas, como as Jornades Catalanes de Fotografía (1979) ou a Primavera Fotográfica (1982).
Catro propostas expositivasXunto coa antolóxica de Fontcuberta a USC mantén abertas en Santiago durante o mes de agosto outras tres exposicións, todas elas no Colexio de Fonseca. Trátase das mostras ‘A rarear’ do escultor Manolo Paz; ‘O Himno. Os tempos son chegados’, que conmemora o centenario da primeira interpretación do Himno galego na Habana; e ‘Minerva e Marte. O batallón literario de 1808’.
‘A rarear’Baixo o título ‘A Rarear’, a Obra Social de Caixanova xunto coa Galería compostelá SCQ e a Vicerreitoría de Cultura da USC entresacan do seu espazo natural as pezas máis emblemáticas e persoais coas que o escultor Manolo Paz (Cambados, 1957) conviviu estes últimos quince anos no seu taller.
A mostra componse de oito pezas comprendidas entre 1990 e 2005, raras polas súas peculiaridades cronolóxicas e materiais, reunidas agora, por primeira vez, no antigo xardín botánico de Santiago de Compostela anexo á biblioteca da Universidade, que é testemuña da súa historia.
Ata o 12 de outubro a exposición permanecerá aberta de 11 a 14 e de 17 a 20:30 horas de martes a sábado; e de 11 a 14:00 os domingos e festivos. Os luns pecha.
‘O himno’O Claustro do Colexio de Fonseca acolle ata o 31 de agosto a mostra ‘O Himno. Os tempos son chegados’, proposta de carácter itinerante da Vicepresidencia da Xunta de Galicia que chega agora á Universidade de Santiago.
‘O Himno. Os tempos son chegados’ conmemora o centenario da primeira interpretación do Himno galego no Teatro Tacón da Habana o 20 de decembro de 1907. Xorde nunha época na que as sociedades de emigrados son un fervedoiro de iniciativas políticas, sociais e culturais que sinalan novos horizontes de liberdade e prosperidade.
O batallón literario de 1808Un dos principais expoñentes da organización da sociedade civil na contenda contra as tropas napoleónicas en 1808 foi o alistamento de 1.600 estudantes universitarios que conformaron o Batallón dos Literarios, unha iniciativa xurdida no seo da universidade compostelá.
Rememorando este acontecemento a Vicerreitoría de Cultura e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC) adscrita ao Ministerio de Cultura, organizan no Colexio de Fonseca a exposición ‘Minerva e Marte. O batallón literario de 1808’.
A mostra, que pretende recoller e analizar os principais acontecementos acaecidos ao redor deste Batallón universitario, toma o seu nome dun texto que os soldados portaban nunha cinta do seu uniforme na que se podía ler “Por rescatar a Fernando y acabar con Bonaparte uniose Minerva a Marte”. Disolto o Batallón, algúns dos 200 superviventes continuaron loitando en Galicia e incluso continuaron posteriormente carreira militar, chegando incluso a relevantes cargos no exército e o goberno.
O núcleo principal da exposición, aberta ata o 21 de setembro, procede do propio Arquivo Universitario co estandarte do Batallón como eixe simbólico do proxecto. Este estandarte foi restaurado para a ocasión pola conservadora especializada en tecidos Camino Fernández Represa. Ademais, na mostra tamén se poderá contemplar reconstrucións dos uniformes dos soldados, así como documentación de arquivos e coleccións privadas e de museos galegos. O proxecto expositivo completa unha panorámica descritiva do que supuxo a guerra en Galicia, definindo así o contexto social e cultural no que xurde o Batallón.