Ir o contido principal

A incubadora de empresas da USC, Uninova, organiza un seminario de xeración e maduración de ideas empresariais

A incubadora de empresas da USC, Uninova, organiza o vindeiro mes de outubro, os días 16, 23 e 30 en colaboración co Bic Galicia, unha nova edición do seu Seminario de Xeración e Maduración de Ideas. Cunha duración total de 15 horas, o seminario impartirase na aula de formación da Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (r/ Casas Reais, 8, Santiago de Compostela) en horario de 16.00 a 21.00 horas. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición antes de finais do presente mes.
No programa do encontro abordaranse cuestións relacionadas coa xeración de ideas de empresas a partir de fontes de ideas, seguindo con aspectos relativos á transformación destas ideas empresariais en proxectos de negocio. Finalmente, o programa afondará na avaliación das ideas de negocio e na análise das súas posibilidades para converterse nun proxecto de empresa.
Poderán asistir a este seminario todas aquelas persoas que teñan a motivación e predisposición necesaria para xerar ideas empresariais, realizar o proceso de maduración e a avaliación posterior, polo que non é necesario dispor dunha idea previa. Para acadar máis información ou formalizar a inscrición, os interesados poden contactar en Uninova con Mónica Suárez no teléfono 981 519600 ou no enderezo de correo electrónico info [at] uninova.org (info[at]uninova[dot]org).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2007.