Ir o contido principal

A indumentaria tradicional na obra de Castelao móstrase nunha exposición en Fonseca

A exposición poderá vsiitarse ata o 30 de agosto. Foto: Santi Alvite
A exposición poderá vsiitarse ata o 30 de agosto. Foto: Santi Alvite
'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' pode visitarse ata o 30 de agosto no Salón Artesonado de Fonseca
Santiago de Compostela

No contexto do Ano Castelao 2025, o proxecto expositivo 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' que dende este luns e ata o 30 de agosto se pode visitar no Colexio de Fonseca propón amosar a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A mostra inaugurouse nun acto que estivo presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, e que contou ademais coa asistencia do deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luis Penas Corral, coa alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela. Goretti Sanmartín Rei, e co presidente da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, entidade promotora desta mostra, José Luis Rodríguez, comisario da mostra xunto con David Quiñones.

No acto, a vicerreitora puxo de relevo a importancia da colaboración institucional “para que propostas como as que hoxe inauguramos vexan finalmente á luz, aínda que sendo unha montaxe de Sete Espadelas xa era a priori garantía de éxito”. Sobre a mostra, preguntouse “como nos vería Castelao agora?” á vez que animou a que agromen novas voces artísticas interdisciplinares no país que recollan a testemuña de Castelao para que conten e debuxen “Galicia” como facía el.

Pola súa banda, a alcaldesa cualificou esta exposición de “especial” xa que, dixo, “ten detrás unha visita ás nosas raíces, á cerna da nosa identidade, a saber quen somos neste caso a través da indumentaria e, ao caso, de todo o que nos conforma”. Tamén o deputado provincial louvou a figura de Castelao, “eterna, e cunha obra a través da cal vemos como era a vida daquela época, algo que soubo plasmar con absoluto acerto a asociación Sete Espadelas”.

A exposición

Ducias de manequíns recubertos en liño do país, con base de madeira e brazos articulados, mostran nesta montaxe reproducións fidedignas de traxes tradicionais galegos que aparecen nos óleos, acuarelas, gravados e bosquexos de Castelao. Cada manequín vai acompañado de utensilios e antigüidades para completar a escena a representar.

Tal e como explicaron os comisarios, a exposición conta tamén con reproducións da obra gráfica de Castelao en diferentes formatos e tamaños, ourivería tradicional, paneis con información das obras expostas e dos traxes amosados, vitrinas con material gráfico e documental relacionado coas pezas do corpus expositivo, así como un audiovisual para a proxección na sala.

A exposición poderá visitarse en horario de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
 

Foto das autoridades ao remate do acto inaugural. Foto: Santi Alvite
Foto das autoridades ao remate do acto inaugural. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2025.