Ir o contido principal

O ‘Informe da Economía Social en Galicia 2022’ recolle a creación de 142 cooperativas, unha cifra de récord

Xoán Ramón Doldán, esquerda, José Luis Monzón, Elena Rivo, Maite Cancelo, Pilar Murias e Celso Gándara. FOTO: Santi Alvite
Xoán Ramón Doldán, esquerda, José Luis Monzón, Elena Rivo, Maite Cancelo, Pilar Murias e Celso Gándara. FOTO: Santi Alvite
O estudo, elaborado por profesorado e persoal investigador das universidade de Santiago e Vigo constata tamén a creación de 24 sociedades laborais e sete centros especiais de emprego

O número de cooperativas e de sociedades laborais continúa a medrar a bo ritmo na comunidade, segundo o ‘Informe da Economía Social en Galicia 2022’, elaborado por profesorado e persoal investigador das universidades de Santiago de Compostela e Vigo. De acordo co estudo, en 2022 creáronse en Galicia 142 cooperativas, a cifra máis elevada da serie histórica, con 542 socios e socias promotores, sendo un 50% mulleres. Así mesmo puxéronse en marcha 24 sociedades laborais, sendo Galicia a terceira comunidade en canto a constitución de novas sociedades deste tipo, con 58 socios e socias (41% mulleres) e sete centros especiais de emprego.

O informe presentouse este luns 11 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, nun acto no que participaron a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo; o decano da Facultade, Xoán R. Doldán; o presidente do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara; a directora do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (CECOOP) e directora do estudo, Maite Cancelo; e o director de CIRIEC-España e vicepresidente de CIRIEC-Internacional, José Luis Monzón. O estudo foi elaborado por Dolores Álvarez, Manuel Botana, María Bastida, Maite Cancelo, Rosario Díaz, Pilar Expósito, Loreto Fernández, José Antonio Montero, Ana Olveira, Alberto Vaquero, Emilia Vázquez Rozas, Miguel A. Vázquez Taín e Alicia Villalba.

En total hai 1.265 cooperativas e 735 sociedades laborais activas en Galicia. Ademais, son 124 os centros especiais de emprego, 13 empresas de inserción laboral, catro mutuas e mutualidades, 63 confrarías de pesca, 1.052 sociedades agrarias de transformación e 3.029 comunidades de montes veciñais en man común. Todas elas constitúen a economía social galega.

En canto a número de empregos xerados, a estimación procede dos datos do Ministerio de Traballo e Economía Social, do segundo trimestre de 2020 (último publicado) e só para cooperativas e sociedades laborais inscritas na Seguridade Social, dando en total 7.917 empregos en cooperativas e 2.162 en sociedades laborais.

Para os centros especiais de emprego os datos do sistema SABI dan un volume de emprego de 2.185 persoas e para as empresas de inserción laboral, a partir de AEIGA, as nove empresas afiliadas proporcionan 211 empregos. Nas mutualidades, a partir dos seus informes e de consulta directa constátanse 13 empregos directos en Galicia. En total son máis de 12.000 empregos directos en Galicia.

No resto de familias da economía social galega, nas confrarías as afiliacións de persoas traballadoras ascende a 6.997. E un elevado volume de empresas afiliadas, 4.063, e as persoas que traballan para elas non se están computando.

No estudo, que axiña se poderá consultar en www.cecoop.eu, tamén se recolle un apartado sobre o marco xurídico e novidades lexislativas, outro no que se analizan as políticas públicas para o desenvolvemento da economía social en Galicia, unha aproximación ao impacto socioeconómico das sociedades laborais e as cooperativas e as entidades galegas máis representativas dentro do contexto español e unha reflexión sobre o panorama que terán que afrontar estas entidades nos próximos anos.

Parte do público asistente á presentación do informe. FOTO: Santi Alvite
Parte do público asistente á presentación do informe. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2023.