Ir o contido principal

O informe executivo GEM Galicia constata a consolidación durante 2015 da iniciativa emprendedora en Galicia

De esquerda a dereita, José Alberto Díez, Javier Aguilera, Juan Viaño, Carmen López e Isabel Neira. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, José Alberto Díez, Javier Aguilera, Juan Viaño, Carmen López e Isabel Neira. Foto: Servimav-USC
Elaborado por un equipo da USC, presentou este venres no CEA unha análise sobre a actividade emprendedora na comunidade durante 2015

O pasado 2015 foi en Galicia un ano de consolidación de iniciativas emprendedoras ao alcanzar unha Taxa de Actividade Emprendedora (TAE) de 5,51% (porcentaxe de poboación adulta con intención de emprender). Os datos mostran o maior crecemento da última década e supón a converxencia cara a media española e a mellora da posición de Galicia no contexto estatal e internacional. A directora técnica do equipo encargado da elaboración do informe GEM Galicia 2015, a profesora da Facultade de Ciencias Económicas Isabel Neira, explicou este venres na presentación realizada no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) que aínda que se incrementaron as iniciativas realizadas por mulleres (dunha ratio TEA de 3,68 a outra de 4,62) a evolución foi máis acusada entre os homes, de 4,17 en 2014 a un TEA de 6,40 o pasado ano.

O informe executivo GEM Galicia 2015, que mide a actividade emprendedora na comunidade autónoma durante o pasado ano, presentouse este venres 2 de decembro na Sala de Debates do CEA. Nunha sesión presidida polo reitor Juan Viaño tamén participaron o director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Javier Aguilera Navarro; a presidenta da Federación Galega de Xóvenes Empresarios (FEGAXE), Carmen López; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Na presentación dos datos de Galicia, a profesora Isabel Neira vinculou o crecemento experimentado durante 2015 coa consolidación de iniciativas novas entre 3 e 42 meses de actividades, “un cambio de tendencia dado que nos anos anteriores xurdían máis iniciativas pero que non chegaban a consolidarse”, explicou a investigadora. En termos xerais, o avance da vontade de emprender entre a poboación adulta “segue baseándose no emprendemento por necesidade, que alcanza o 43,51% das iniciativas”, sendo a principal motivación de quen emprende dispor dunha maior independencia profesional.

A directora do equipo redactor do informe tamén sinalou como destacada a diferenza tendo en conta o nivel formativo: entre os universitarios, 52,94% dos casos perciben oportunidades, mentres que entre a poboación non universitaria da mostra só o 30,48% confirman esta percepción. Comparten ambos colectivos como nexo común o temor ao fracaso como principal obstáculo para emprender, próximo ao 50%. Segundo o informe, esta diferenza en canto a oportunidades trasládase tamén a futuros emprendedores/as, xa que entre quen se atopa nas primeiras fases da idea emprendedora, a ratio TEA universitaria duplica a de quen non dispón de estudos (8,73 frente a 3,57).

Logo da presentación técnica do informe, o reitor reivindicou o compromiso da USC co espírito emprendedor ao lembrar que “traballamos potenciando o emprendemento como un dos alicerces básicos do desenvolvemento económico e como motor de cambio social”. Entre outros datos cuantificou nun 29% a porcentaxe de universitarios que teñen intención de emprender, vontade inicial que leva a un 7,5% a participar en empresas e o 5% a crear a súa propia. Fronte estes datos, Viaño opina que “esta visión da universidade, con máis dun 40% de estudantes implicados no proceso emprendedor, debe facernos reflexionar sobre a importancia que está cobrando a terceira misión da universidade”.

O reitor recordou tamén o recoñecemento recentemente concedido á USC pola Rede Española de Fundación Universidade-Empresa ao outorgarlle este ano o premio á Universidade española que máis relación mantén coa contorna empresarial.

Informe GEM
GEM é un observatorio internacional cuxo obxectivo é analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico como factor determinante para o desenvolvemento e o benestar das sociedades. Na súa edición de 2015, GEM mediu a actividade emprendedora en 69 países, o que lle ten merecido o recoñecemento como o estudo lonxitudinal sobre emprendemento máis importante do mundo.

Galicia sumouse a esta iniciativa internacional en 2005. As 10 edicións consecutivas publicadas ata o momento son froito da colaboración entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), o Instituto Galego de Promoción Económica dando continuidade a BIC Galicia (IGAPE) e a USC. Ademais, o pasado ano a Universidade de Santiago asumiu a dirección do equipo responsable da elaboración do informe e incorporouse a FEGAXE que substitúe á CEG. Así, a profesora Loreto Fernández é directora de GEM-Galicia, mentres que Sara Fernández é a coordinadora do equipo USC, no que ademais de Isabel Neira, tamén participan María Bobillo Varela, Nuria Calvo Babío, Marta Portela Maseda, Lucia Rey Ares, David Rodeiro Pazos, Mª Milagros Vivel Búa e Guillermo Andrés Zapata Huamaní.

Con posterioridade a esta presentación celebrase unha mesa redonda sobre emprendemento innovador en Galicia que reunirá a representantes de IGAPE, CENTUM e Galchimia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2016.