Ir o contido principal

Un informe repasa o programa de actividades do Observatorio Astronómico da USC co gallo do Ano Internacional da Astronomía

A organización de congresos, xornadas de carácter didáctico, actividades curriculares e de divulgación foron algunhas das iniciativas desenvolvidas polo Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC para achegar a súa contribución á conmemoración do Ano Internacional da Astronomía en 2009. O conxunto de iniciativas desenvolvidas forma parte dunha memoria que se pode consultar na web do Observatorio.
Foron un total de 35 programas formativos que “conseguimos levar a cabo na súa totalidade a pesar da complicada situación económica actual” sinala o director do Observatorio José Ángel Docobo. Colaboraron no seu desenvolvemento a Vicerreitoría de Cultura da USC, as consellarías de Educación e de Economía, o Ministerio de Educación, os concellos de Santiago e de Lalín e mesmo empresas privadas como Óptica Val.
O programa de actividades co que a USC se sumou á conmemoración pretendía recuperar o ceo nocturno como elemento fundamental da paisaxe cotiá, “patrimonio inmaterial común da humanidade, fonte de coñecemento científico e de pracer estético”.
Múltiples actividadesDeste xeito, o programa de iniciativas mesturou rutas nocturnas, visitas guiadas ao Observatorio, observacións do ceo, conferencias, cafés científicos, obradoiros de fotografía e astronomía, exposicións e concursos artísticos. O astrónomo galego Ramón María Aller, de quen toma o nome o Observatorio Astronómico da USC, igualmente foi protagonista neste Ano ao recibir unha homenaxe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2010.