Ir o contido principal

Ingapan recibe este venres o X Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Ao acto asistirán o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro

O Grupo Ingapan recibirá este venres 22 o X Premio Aresa de Desenvolvemento Rural nun acto que se desenvolverá a partires das 20:00 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
Asistirán o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; e outras personalidades do eido político, académico e social de Galicia.
No transcurso do acto, o catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC e secretario da Real Academia Española, Darío Villanueva, impartirá a conferencia ‘Universidade e desenvolvemento social’. Ademais, proxectarase un vídeo conmemorativo do décimo aniversario no que se ofrece unha visión retrospectiva dos Premios Aresa de Desenvolvemento Rural.
O Grupo Ingapan, primeiro produtor nacional da rama da panificación e cuarto do sector da alimentación, recibe o galardón deste ano pola súa contribución ao desenvolvemento da economía galega.
Os membros do xurado, composto nesta edición polo reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, José Regidor García; e o secretario da Real Academia Española, Darío Villanueva Prieto, valorou o esforzo e carácter innovador que permitiu a unha pequena empresa familiar acometer un proceso de expansión a nivel nacional e internacional, que a leva a estar presente en máis de dez países da Unión Europea e sete de América.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.01.2010.