Ingapan recibiu o X Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O presidente do Consello de Administración do Grupo Ingapan, Xosé Manuel Chousa Vázquez, recolleu este venres 22 no nome do grupo empresarial o galardón do décimo Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que promoven conxuntamente Aresa e a USC, nun acto que se desenvolveu no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
O premiado recibiu un diploma acreditativo e dez mil euros, que o Grupo Ingapan acordou doar a partes iguais á Fundación Dano Cerebral de Lugo e á reconstrución de escolas en Haití.
A cerimonia estivo presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e contou coa presenza dos membros do xurado desta décima edición, composto polo reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o reitor da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, José Regidor García; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; e o secretario da RAE, Darío Villanueva Prieto.
Tamén asistiron o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez; o alcalde de Lugo, José López Orozco; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; e outras personalidades do eido político, académico, empresarial e social de Galicia.
O galardón deste ano recoñece a traxectoria de Ingapan e a súa contribución ao desenvolvemento da economía galega. Para os membros do xurado, este grupo lugués é o exemplo de como unha pequena empresa familiar pode, mediante o esforzo e a innovación, acometer un proceso de expansión a nivel nacional e internacional, que a leva a estar presente en máis de dez países da Unión Europea e en sete de América. Ingapan figura, hoxe en día, como o primeiro produtor nacional na rama da panificación e o cuarto no sector da alimentación.
O xurado tamén valorou o continuo traballo deste grupo empresarial na procura de novos produtos e servizos que respondan á demanda e á evolución dos mercados internacionais, facendo posible que xeración tras xeración se teña convertido nun referente de calidade e prestixio.
A candidatura de Ingapan foi elixida gañadora entre as dez de excelente calidade que se presentaron ao certame, e nas que había asociacións, empresas e traxectorias profesionais de carácter individual que compartían o seu compromiso coa promoción e o desenvolvemento do medio rural galego.
Lección maxistral ‘Universidade e desenvolvemento social’ A conferencia maxistral da décima edición dos premios Aresa correu a cargo do catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC e secretario da RAE, Darío Villanueva Prieto, que falou sobre a cooperación entre a Universidade e a Empresa e revisou o papel das institucións de ensino superior a prol do desenvolvemento social.
No seu relatorio, Darío Villanueva lembrou que a USC foi unha das universidades pioneiras en España en establecer, cara ao ano 1998, as bases do seu plano estratéxico que contempla como a súa misión esencial o lema ‘coñecemento ao servizo da sociedade’ aínda que, loxicamente, a USC ten contribuído xa ao longo destes cincocentos anos ao desenvolvemento do país.
Inicialmente, a Universidade foi concibida como un centro de ensino superior para a formación dos cadros. Neste senso, a historia de Galicia non se pode comprender sen a contribución á súa sociedade dos universitarios composteláns nos eidos do Dereito, a Medicina, a Farmacia e o Ensino.
Máis tardiamente, incorporáronse tamén os graduados en Veterinaria e Agronomía que recibiron a súa formación no Campus de Lugo, e que finalmente fixeron certa a arela de Castelao no senso de que a política económica de Galicia precisaba do aval da investigación e da experimentación, xa que para el os problemas do agro non deberían resolverse soamente de xeito empírico.
Para Darío Villanueva, o contexto no que se desenvolve a actividade do Campus lucense é ao que responde o Premio Aresa concedido dende hai dez anos por esta importante empresa dedicada aos fertilizantes, a alimentación animal, as sementes e os abonos agrominerais, e conxuntamente con ela pola propia USC.
A Universidade investigadora, froito do positivismo racionalista dos séculos XVIII e XIX, dá paso na actual sociedade do coñecemento á Universidade que, como factoría do coñecemento que é, o transfire ao tecido empresarial e o conxunto do corpo social para xerar nel desenvolvemento e riqueza. Isto sen menoscabo das misións fundamentais que a universidade foi exercendo ao longo dos case dez séculos da súa andaina: a docencia, a creación e transmisión da cultura e a investigación.
Vídeo conmemorativoA continuación proxectouse un vídeo conmemorativo do décimo aniversario dos premios Aresa, no que se ofreceu unha visión retrospectiva deste certame que xurdiu coa intención de favorecer a promoción e o desenvolvemento do medio rural galego, e que se ten convertido nun dos máis recoñecidos dentro do sector profesional ao que se dirixe.
Ademais, a proxección fixo un repaso por todos os gañadores das anteriores edicións: Novafrigsa, Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos, Xosé Manuel Silva Rodríguez, a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, o programa O Agro-Labranza, o Consello Regulador de Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a queixería Casa Macán e a Facultade de Veterinaria de Lugo.
Ao finalizar o acto agasallouse aos presentes cunha degustación de produtos elaborados polos premiados nesta e en anteriores convocatorias do certame.