A iniciativa Efelcren, seleccionada como exemplo de boas prácticas para a Conferencia Nacional Temática de Proxectos Europeos sobre Competencias Básicas

A Universidade de Santiago coordina o proxecto europeo Efelcren (Educational Flexible and creative environments) para a creación e validación de materiais didácticos mediante ferramentas gratuítas ou de software libre que serán empregados posteriormente en espazos de formación on-line de Educación Primaria e Secundaria.
Efelcren foi seleccionado para participar este martes 2 en Madrid na Conferencia Nacional Temática e Feira de Valorización de Produtos de Proxectos Europeos sobre Competencias Básicas que organiza o Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (OAPEE) como Axencia Nacional para o Programa de Aprendizaxe Permanente. Esta entidade seleccionou ao equipo compostelán como exemplo de boa práctica para este encontro, ao que acude convidada para mostrar o traballo realizado.
Coordinado polo Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa da USC que dirixe a profesora Beatriz Cebreiro, Efelcren é un proxecto cofinanciado pola Comisión Europea no marco do programa Socrates/Comenius 2.1 que reuniu a investigadores, formadores de profesores, profesores, técnicos e estudantes de TIC para identificar as mellores estratexias de ensino, crear e avaliar materiais de e-learning que inclúen en múltiples idiomas contido interactivo como simulacións, multimedia ou video clips.
Ademais, o grupo identificou exemplos de boas prácticas que foron categorizadas mediante unha base de datos en liña no Centro de Recursos, o que facilita o seu uso a outros profesores así como a súa adaptación ás súas propias necesidades. Deste xeito, profesores de diversas áreas e países poden facilmente encontrar diferentes recursos didácticos de gran calidade á súa disposición listos para ser utilizados. O proxecto rematouse este curso e ábrese a toda a comunidade científica e educativa.
Calquera persoa interesada tamén pode colaborar publicando a través deste Centro de Recursos os seus propios materiais de e-learning, outros que utilicen habitualmente e consideren de interese para os usuarios ou ferramentas útiles (software educativo, webs especializadas, ferramentas web 2.0 e para a formación e a colaboración en rede, etc). Desta forma, o catálogo inicial poderá ampliarse e actualizarse constantemente ata converterse nun punto de referencia para todos aqueles profesores interesados no desenvolvemento de propostas de aprendizaxe flexibles e creativas.
Como socios deste proxecto participan o Centro de Supercomputación de Galicia, o Trinity College (TCD-Irlanda), o Centre of Information Technology of Education (ITC-Lituania), o Instituto per lle Tecnologie Didattiche (Génova- Italia), o Haslev Seminarium (Dinamarca) e o Euneos Corporation (Finlandia).