A iniciativa Vindeira Capital Network reunirá en Santiago a promotores de nova empresa tecnolóxica con potenciais investidores nacionais e internacionais

Este luns comezou un proceso que concluirá no mes de maio próximo coa celebración en Santiago de Compostela do III Encontro Vindeira Capital Network (VCN) no que promotores de proxectos de nova empresa tecnolóxica, previamente seleccionados, poderán optar a fondos para investimento por valor de ata corenta millóns de euros.
O III Encontro VCN é un evento de capital risco que organizan Vindeira-Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, a USC e BIC Galicia, promovido polo Clúster TIC Galicia e o IGAPE coa colaboración de Uninvest/Unirisco. Esta é a última etapa dunha iniciativa que pretende poñer en contacto a analistas, conselleiros delegados e directores de investimento dos máis importantes fondos de capital risco e Business Angels en materia TIC de toda España con promotores de empresa tecnolóxica. Para iso, comezou un proceso de selección dos proxectos que estarán presenten no III Encontro o vindeiro mes de maio e que deberán convencer aos posibles inversores para a constitución de novas empresas ou a ampliación daquelas xa existentes.
Na edición deste ano está previsto a implicación de preto de medio cento de investidores tanto galegos como do ámbito nacional e internacional, favorecendo o inicio de novas roldas de financiamento e afianzando a rede de apoio á creación de start-ups do sector TIC en Galicia.
A USC participa desta iniciativa que se vén sumar ás diferentes liñas que dende hai anos impulsa a institución docente no fomento do emprendemento e a transferencia de coñecemento, ámbito no que a USC mantén unha posición pioneira con estruturas diversas deseñadas para favorecer a posta en marcha e consolidación de iniciativas empresariais procedentes do contorno universitario. Neste senso, o reitor destacou na presentación o labor de Unirisco, da Red Inberso ou do programa Investment Readness Galicia, no que anualmente se seleccionan unha serie de proxectos co obxectivo de potenciar a calidade da súa proposta de negocio.
Preselección
O proceso iniciouse coa apertura ata o 17 de febreiro do período de inscricións para os proxectos que aspiran a obter financiamento. Poderán concorrer empresas intensivas en tecnoloxía constituídas ou próximas á súa constitución no momento de realizar a inscrición. A seguinte etapa será do 20 ao 24 de febreiro, semana na que se desenvolverá o proceso de preselección por parte dunha comisión integrada por representantes do Comité Executivo de Vindeira, do Comité Estratéxico do Clúster de Galicia e por profesionais do sector TIC tanto do mundo empresarial como académico. Esta comisión encargarase de identificar a adecuación das propostas ás características de proxecto esperadas polos investidores que asistirán ao evento.
Venture Academy
De marzo a abril celebrarase a Venture Academy, que este ano impartirá BIC Galicia. Trátase dun completo programa de formación continua e de mentorización de proxectos, que será obrigatoria para os emprendedores seleccionados para participar en VCN.
Ademais, está previsto realizar unha xornada de detección de spin-outs –no mesmo mes de marzo- para identificar oportunidades de negocio baseadas en tecnoloxías desenvolvidas dentro de empresas xa existentes, animando á creación de spin-outs que revertan en beneficios financeiros, tecnolóxicos e estratéxicos para a empresa matriz. As posibles spin-outs detectadas, tras pasar por unha breve formación, poderán participar no evento de maio de 2012. Tamén se celebrará unha xornada que reunirá a investidores privados galegos, enfocada a identificar e harmonizar os vehículos de investimento actuais de cara ás roldas de co-investimento.
A USC acode a esta cita coa intención de favorecer o incremento da vocación empresarial entre os membros da comunidade universitaria, promovendo a transferencia de resultados de investigación e apoiar o emprendemento. Neste contexto, a institución académica presta especial atención a aqueles resultados de investigación con potencial suficiente para transformar unha idea nunha empresa de base tecnolóxica con expectativas de futuro, obxectivos todos eles aliñados coa iniciativa VCN.
Os promotores de VCN presentaron os detalles da convocatoria nunha presentación en San Xerome na que interviñeron o reitor da USC, Juan Casares; o presidente de Vindeira, Antonio Rodríguez del Corral; a directora xeral de BIC Galicia, Maite Cancelo; o presidente do Cluster TIC Galicia, Gerardo Crespo Riestra; e o conselleiro delegado de Uninvest/Unirisco, Carlos Hernández.
VCN
Esta iniciativa deu comezo en 2010 co I Encontro Vindeira Capital Network, no que se presentaron 14 proxectos empresariais tecnolóxicos a 16 investidores de ámbito nacional e galego. En xullo de 2011 celebrouse en Santiago o II Encontro, no que se presentaron directamente 8 proxectos seleccionados entre emprendedores galegos en TIC e 3 proxectos de emprendedores invitados ao evento a un total de 18 importantes entidades de capital risco e business angels de ámbito nacional e galego.
No evento, os propios promotores presentarán en formato elevator-pitch os proxectos de desenvolvemento tecnolóxico seleccionados previamente e que foron obxecto dunha titorización personalizada na Venture Academy previa ao encontro. Ademáis destas propostas, seguindo a liña iniciada na edición 2010, presentarase un “Book de Proxectos” que merezan ser destacados pola súa calidade e interese para o sector. Desta forma, se algún Fondo ou entidade mostrase interese en coñecer máis en detalle un dos proxectos non presentes, poderíase concertar unha cita posterior entre o investidor e o emprendedor.
En definitiva, con este III encontro trátase de continuar e mellorar a iniciativa posta en marcha no 2010, dando a coñecer o tecido empresarial galego e atraendo o interese de co-investidores potenciais, co obxectivo de completar roldas de financiamento de empresas tecnolóxicas locais ou de novos proxectos empresariais, o cal favorecerá a consolidación dunha estrutura de capital risco para o sector TIC galego.
Ligazóns relacionados:


