Ir o contido principal

Innovación e Industria destina 7,37 millóns de euros á investigación das universidades

A USC acada o 54 por cento dos recursos achegados polo Fondo de Calidade de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento para as tres Universidades galegas

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou este luns cos reitores das tres universidades galegas o acordo para o reparto do Fondo de Calidade de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento. A consellaría investirá 7.374.454 euros na “mellora da calidade e na procura da excelencia na investigación” dos grupos universitarios galegos, segundo sinalou o conselleiro, quen informou dun incremento deste fondo dun 14% con respecto a 2007.
Do total deste fondo o 54%, case 4 millóns de euros, destinarase á Universidade de Santiago de Compostela, mentres que á de Vigo lle corresponderá o 27% e á da Coruña 1,4 millóns de euros correspondentes ao 19%.
Na sinatura do acordo, o conselleiro manifestou a súa confianza nas universidades para ser a base do sistema galego de I+D+i e anunciou que este ano o financiamento da súa Consellaría ás Universidades ascende a 49 millóns de euros a través de convenios e convocatorias competitivas, o que supón un incremento dun 88% con respecto a 2005. Por outra banda, Blanco avanzou que o seu departamento incrementará nun 16% os fondos destinados en 2009 para as universidades galegas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.12.2008.