Innovación e prácticas científicas na aula de ciencias
A profesora Blanca Puig Mauriz dirixe o curso de verán que entre o 16 e o 19 de xullo en Santiago pretende traballar distintos aspectos da competencia científica como o uso de probas e a construción de argumentos ou a avaliación de modelos de indagación. Trátase de levar a cabo experiencias innovadoras no ensino de ciencias e actividades centradas no desenvolvemento das competencias científicas, á vez que se presentan materiais e estratexias ao profesorado de ciencias para crear ambientes que promovan o desenvolvemento das prácticas científicas. A desenvolver na facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte, o curso contará coa participación de responsables da USC do proxecto KidsINNScience, que en breve presentará as súas conclusións en Viena acerca do ensino de ciencias na educación secundaria. O claustro de relatores e relatoras, tanto universitarios como do ensino medio, tratará cuestións como a innovación no currículo de ciencias, o desinterese pola ciencia e a importancia da innovación para aumentalo ou a indagación na aula de ciencias
Xa máis concretamente analizaranse en diversas comunicacións e obradoiros temas como as TIC como complemento do traballo de laboratorio, o uso de contextos reais para a aprendizaxe do modelo de expresión dos xenes, a comunidade de montes como contexto para traballar a competencia científica e a educación ambiental, o consumo eficiente, as xustificacións científicas na argumentación sobre enfermidades infecciosas ou como transformar actividades tradicionais en actividades para o desenvolvemento de competencias.