Ir o contido principal

‘Inside the Lab III’: a saga continúa

Cartel de 'Inside the lab'
Cartel de 'Inside the lab'
Un ano máis o CiTIUS exhibe ante diferentes actores do sector resultados recentes de investigación do centro ao máis alto nivel científico

As portas do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS) volverán abrise á industria, empresas e institucións durante a terceira edición de Inside the Lab, o encontro de presentación de tecnoloxía de maior entidade de cantos se celebran ao longo do ano neste centro. Esta xornada celebrarase a vindeira semana o venres 14 de xullo.

Creado co gallo de facilitar o proceso de transferencia dalgunhas das solucións de alta calidade desenvolvidas nos seus laboratorios, Inside the Lab regresa cada mes de xullo ao CiTIUS para pór en valor as distintas aplicacións destas tecnoloxías en múltiples eidos da actividade industrial. Como xa acontecera nas dúas edicións previas, os visitantes poderán acceder a calquera dos once puntos informativos repartidos por todo o edificio en horario libre entre as 10.00 e as 14.00 horas, onde o persoal investigador do centro explicar persoalmente as aplicacións máis significativas dos seus sistemas.

Vocación de transferencia
Se o pasado mes de febreiro era a xornada monográfica UAVlab a que, cun formato semellante, atraía a atención de empresas e institucións coa presentación de tecnoloxías aplicadas a vehículos aéreos non tripulados (UAVs), nesta ocasión os sistemas presentados contan con aplicación en diversas áreas, tales como a captación de enerxía do ambiente para alimentar sistemas médicos bioimplantables, algoritmos para a detección precoz de persoas en risco de padecer depresión ou solucións baseadas na técnica LIDAR para a detección e identificación de edificacións-entre moitas outras–. Unha ampla gama de resultados transferibles en múltiples ámbitos, escollidos minuciosamente co obxectivo de cubrir distintas necesidades do sector industrial e da sociedade.

O encontro contará, ademais, coa presenza de dúas das spin-offs creadas por investigadores do CiTIUS: Situm, que centra a súa actividade no desenvolvemento de tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores, e Imagames, empresa orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación en diversas contornas, como a formación de empregados e estudantes ou o marketing dixital.

A participación nesta xornada é gratuíta e tan só require inscrición previa a través da web do evento, ata o xoves 13 de xullo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2017.