O Instituto de Ciencias Forenses da USC lidera a produción científica da área de Medicina Legal e Ciencias Forenses no último decenio
O Instituto de Ciencias Forenses da USC e os seus investigadores lideran o ranking mundial en canto a citacións ou número de artigos publicados no período 2001-2011 na área de Medicina Legal e Ciencias Forenses. Os datos acaban de facerse públicos froito dunha análise da axencia Thomson Reuters, encargada da Web of Knowledge, sobre a produción científica nesta área de coñecemento. Para realizar a clasificación utilizaron todos os artigos publicados na categoría de Medicina Legal de Thomson Reuters Web of Knowledge, máis os artigos desta área en Science, Nature, New England Journal of Medicina e outras revistas multidisciplinarias e de Medicina en xeral. En conxunto, a axencia encargada analizou máis de 15.000 artigos publicados entre xaneiro de 2001 e marzo de 2011. Segundo este ranking independente o Instituto de Ciencias Forenses compostelá lidera a produción científica no seu área atendendo ás citacións e número de artigos publicados no último decenio, superando a institucións como o FBI ou o Forensic Science británico, e con notable diferenza sobre o segundo clasificado, o Instituto de Medicina Legal da Universidade de Münster (Alemaña). No que atinxe aos autores, o profesor da USC Ángel Carracedo encabeza a listaxe na que se avalía a capacidade de produción científica dos investigadores a título individual en función do seu número de publicacións, número de citacións e índice H (factor de medida da calidade dun investigador en funcións do seu número de publicacións e as citas rexistradas) igualmente no período 2011-2011. Neste senso, a profesora Mª Victoria Lareu, tamén da USC, atópase entre os vinte autores máis citados, sendo xunto con Carrecedo, os únicos dous investigadores españois que figuran. O grupo de Medicina Xenómica da USC O grupo de investigación de Medicina Xenómica da USC integra a investigadores tanto da Universidade compostelá como da Fundación Galega de Medicina Xenómica sendo na actualidade un grupo consolidado de notable produción científica. Xurdiu a partir do Servizo de Xenética forense do Instituto de Ciencias Forenses da USC, que é o grupo actualmente de maior produción científica no campo forense no contorno mundial e representa máis do 50% de toda a produción científica do país nesta área. Neste senso, ademais da área forense, o grupo realiza labores de investigación en áreas como a farmacoxenética, a xenética do cancro, o compoñente xenético das enfermidades neurolóxicas e psiquiátricas e as bases xenéticas de enfermidades oftalmolóxicas.